A Deputación de Pontevedra abre o prazo para a inscrición no programa de Termalismo Social «DEPOTERMAL 2023»

O plan de termalismo social “Depotermal”, ten como finalidade facilitarlles ás veciñas e veciños da provincia de Pontevedra o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros (coma balnearios, talasos ou spa).

Así mesmo, pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

Aberto desde o día 10/04/2023 ata o 08/05/2023

Depotermal 2023 comprende dous programas termais cun total de 3.500 prazas, distribuídas do seguinte xeito:

  • Programa termal de asistencia diaria: acceso a balnearios, talasos ou spa durante cinco mañás ou tardes consecutivas, que contará con 1.000 prazas.
  • Programa termal con pernoita en réxime de pensión completa, de domingo a venres: acceso a balnearios, talasos ou spa, con pensión completa, que contará con 2.500 prazas.

Poderán beneficiarse do plan termal as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do plan e que cumpran algún dos requisitos previstos na base cuarta da norma reguladora.