O Concello de A Caniza fará entrega da Medalla de Prata da Vila á Asociación Deportiva Cañiza C.F. (ADECA)
O Concello celebrará o vindeiro sábado 4 de xullo, ás 21:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, o acto solemne de entrega da Medalla de Prata da Vila de A Caniza á Asociación Deportiva Cañiza C.F. (ADECA), unha das máximas distincións honoríficas que concede a institución municipal.
A concesión deste recoñecemento foi aprobada pola Corporación Municipal o 28 de decembro de 2021, en recoñecemento aos 25 anos de historia da entidade e ao seu extraordinario labor a prol do deporte base e da sociedade canicense.
Durante un cuarto de século, ADECA desempeñou un papel fundamental na formación deportiva e persoal de centos de nenos e nenas de A Caniza, promovendo valores como o esforzo, o compañeirismo, o respecto e o traballo en equipo. A súa aposta pola canteira e pola educación a través do deporte contribuíu, ademais, a fortalecer o tecido social do municipio e a formar xeracións de xogadores, pero tamén de bos veciños e veciñas.
O acordo de concesión destaca expresamente os servizos prestados á vila, o traballo diario desenvolvido durante estes vinte e cinco anos e o exemplo de entrega e servizo altruísta prestado ao conxunto da poboación de A Caniza, méritos que fixeron á entidade merecedora desta importante distinción institucional.
O acto estará presidido polo alcalde de A Caniza, Luis Antonio Gómez Piña, e reunirá representantes institucionais, membros da Corporación Municipal, directivos, adestradores, xogadores e exxogadores de ADECA, así como veciños e veciñas que desexen acompañar á entidade nun momento especialmente emotivo para o deporte local.
Desde o Concello anímase a toda a cidadanía a asistir a esta homenaxe, coa que A Caniza expresa publicamente o seu agradecemento a unha asociación que, durante máis de dúas décadas, contribuíu de maneira decisiva ao desenvolvemento do deporte, á educación en valores e á convivencia no municipio.
Con este acto, o Concello fará efectivo un recoñecemento institucional acordado por unanimidade da Corporación Municipal, poñendo en valor a contribución de ADECA ao desenvolvemento do deporte base e á formación en valores de varias xeracións de nenos, nenas e mozos de A Caniza.