O Alcalde Luis Piña informou esta mañá sobre a celebración dunha xornada informativa dirixida ás comunidades de usuarios de auga e ás persoas interesadas na xestión das traídas veciñais, que terá lugar este sábado 14 de marzo ás 18:00 horas no Salón de Actos municipal, da man da empresa cañicense Rodespi.
Baixo o título “Mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do empoderamento, apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de auga”, esta sesión pretende achegar información práctica sobre a xestión, mantemento e control sanitario das traídas de auga no rural.
Durante a xornada abordaranse cuestións de especial interese como o Plan Sanitario da Auga (PSA), o control da calidade da auga, os procedementos para a toma de mostras, o mantemento das instalacións e as obrigas legais que deben cumprir estas comunidades.
Ademais, informarase ás persoas asistentes sobre as liñas de subvencións +NOVAQUA e +AQUA 2026, financiadas pola Deputación de Pontevedra, destinadas a apoiar ás comunidades de usuarios na mellora, regularización e modernización das súas infraestruturas de abastecemento de auga.
Estas xornadas forman parte dun programa provincial impulsado pola Deputación de Pontevedra para o empoderamento e apoio ás comunidades de usuarios de auga, que inclúe a organización de sesións informativas e talleres en distintos concellos da provincia.
No marco deste programa, a Deputación adxudicou mediante procedemento aberto o servizo de deseño, organización e desenvolvemento destas xornadas formativas á empresa Soluciones para el Rural Intega S.L., Rodespi, encargada de impartir as sesións informativas e resolver as dúbidas das comunidades participantes.
Segundo comunicou o Alcalde, a sesión deste sábado ofrecerá tamén un espazo para consultas e intercambio de experiencias coas comunidades asistentes.
O sábado 14 de marzo, a partires das 18H no Salón de Plenos do Concello