Valeixe

Iglesia Parroquial de Santa Cristina de Valeixe

Valeixe: antigamente freguesía da que era anexa a barriada da Cañiza. É a maior e máis importante das parroquias do Municipio. Cunha poboación de ao redor de 1.300 veciños. Dista da capital 5 km. Alcanza unha altitude máxima de 397 metros e está bañada por un afluente do Deva.

A historia de Valeixe remóntanos ata as épocas do Feudalismo. A finais do século  XVIII, coincidindo co ocaso do Antigo Réxime, Valeixe deixou de ser o centro neurálxico da zona. Cando se constituíu o Concello como tal no ano 1820, a parroquia da Cañiza converteuse na titular da capitalidade, quizais debido á idónea situación xeográfica, desprazando a Valeixe a un segundo plano, xa que a accidentalidade das súas terras non era propicia para a construción de novas vías de comunicación.

Nesta parroquia, lugar de asento da nobreza de outrora, pódense admirar pazos  magníficamente conservados como son o Pazo de Cuco- Ruxo, o Pazo de Valeixe, máis coñecido como O Palacio e o Pazo da  Borza, tamén coñecido como Pazo de Sarmiento. Valeixe acolle outros pazos e casas  solariegas que, pola contra, non se atopan en tan bo estado de conservación, pero a súa presenza lémbranos o importante papel que xogou a parroquia na historia da zona. A maioría dos pazos e casas de alcurnia se haxan asentados no lugar de  Miñoteira.

Neste barrio, presidido pola capela de  Nosa Señora dos Remedios, atópase tamén o centro cultural, un centro de lectura, o consultorio médico periférico e unha farmacia, ademais da Praza dos Remedios. Uns metros máis abaixo emprázase a Igrexa Parroquial, a estación gasolineira e varios establecementos.  Continuando a baixada e xa no lugar de Touzosas, atópase o Centro de Ensino Infantil e Primario CEIP de Valeixe e o pavillón polideportivo de  Touzosas. No lugar de O Sobreiro, moi próximo á Igrexa Parroquial, sitúase a Residencia da 3ª idade A nosa Señora do Rosario de Valeixe, dirixida pola Fundación San Rosendo, con capacidade para 38 persoas. A parroquia dispón tamén dun campo de fútbol.

En canto a arquitectura, é de destacar a Igrexa de Santa Cristina de Valeixe, igrexa de trazas  románicas construída por orde do Reverendo Señor D. Pedro Gil Abad no ano 1573. A capela Maior data do século  XVI e posúe unha cúpula  nervada propia daquela época. O resto da Iglesia, é dicir, a nave e as capelas laterais son obra dunha restauración posterior correspondente aos primeiros anos do século  XVIII, formando no seu conxunto unha obra barroca no seu corpo principal, co engadido da Capela Maior, obra aínda renacentista. Na fachada principal do templo figuran as armas de D. Juan Gil  Troncoso de Lira e Sotomayor, señor das casas da Picoña e de Barreiro. É de destacar no seu interior a calidade dos retablos barrocos realizados en diferentes tempos dentro do mesmo século  XVIII. 

Ademais desta Igrexa parroquial, en Valeixe existen 7 capelas: a de San Antonio de  Taín,  Nosa Señora dos Remedios, a Virxe da Ascensión, o Cristo da Miranda, San Roque, Santo Angel da Garda e a da Nosa Señora das Neves en  Pintelos. 

A patroa de Valeixe é Sta. Cristina. O 24 de xullo celébrase a súa festividade. 

No barrio de Pintelos atópase a única ponte románica da parroquia que cruza o río Deva.

Valeixe é zona de  ribeira e nela danse importantes cultivos como a vide, o millo, a pataca e os froiteiros. A auga sempre tivo un peso importante nesta zona na que aínda hoxe en día régase co sistema de levadas. Trátase dun antiquísimo sistema de regadío que canaliza a auga ata as leiras. Outrora existía un libro de  Levas que administraba o  Levadeiro ou fiscal e que asignaba días e horarios aos herdeiros da auga a fin de compartila equitativamente.

A parroquia conta con dúas Comunidades de Montes Veciñais: a  CMV de Valeixe e a  CMV de  Tallós e cunha Asociación Cultural e Deportiva que leva o nome da patroa. 

 

UNHA VIAXE POLAS CAPELAS E IGLESIA DA PARROQUIA

 A Igrexa parroquial e as capelas desta parroquia, sete en total, representan unha mostra da relevancia e prestixio que Valeixe ostentaba ao longo da historia.

            Capela da nosa Señora da Ascensión. Esta capela cuxo culto se rexe desde a Igrexa Parroquial, celebra a festividade da nosa Señora o Domingo da Ascensión, festa dedicada á Virxe cuxa imaxe participa en todas as celebracións dos arredores: a Romaría de  As  Pascuillas da Franqueira e a  Xuntanza de Santa Cristina. Sinalar que a Imaxe principal desta capela foi roubada a principios dos anos 90 e non volveu recuperarse, tendo que ser substituída por unha nova. A memoria popular aínda lembra con agarimo  os “seráns” que se celebraban ao redor destes festexos onde as novas calcetaban  ao son dos sons do acordeón.

             Capela da nosa Señora a Virxe dos Remedios e San  Blas.  As xentes do lugar profesan unha grande devoción a estas dúas imaxes cuxo culto se rende o 2 e 3 de febreiro. A pequena capela atópase totalmente restaurada e conta cun fermoso  torreiro na céntrica Praza dos Remedios. A restauración da capela debémoslla a un devoto e algún máis que axudou  e a transformación e  acondicionamento da Praza dos Remedios, que pertence á Capela, agradecémosllo ao Concello da Cañiza.  É esta unha festa de grande arraigamento popular. O 2 de febreiro, día dos Remedios, a xente recolle as velas bendicidas que despois usarán nos tempestuosos días de tormenta. O día de San  Blas, 3 de febreiro, bendíse o Pan, pedindo a protección do Santo para a garganta. Antigamente estas festas contaban con atractivas cucañas e aínda hoxe lémbrase a subida ao “pau de sebo”.

          Capela do Santo Cristo da Miranda. Celébrase esta festividade o día 3 de maio. A capela totalmente restaurada conta ademais cun amplísimo  torreiro, casa e pozo de  auga de gran riqueza e mellor sabor. O Concello da Cañiza tamén colaborou na recuperación desta contorna ao mellorar os camiños de acceso tanto desde a capela da Ascensión en Mourelos como desde a zona do Santo Angel. Antigamente celebrábase neste día numerosas poxas. Na actualidade subsiste a ofrenda do aceite.

          Capela da nosa Señora a Virxe das Neves de  Pintelos.  O 5 de agosto celébranse os festexos en honra a esta Virxe na capela co culto máis antigo de toda a parroquia. Xa a mediados do século  XIX celebrábanse aquí os oficios relixiosos por atoparse este barrio afastado da Igrexa Parroquial. Esta imaxe conta con gran  veneración non só polos devotos do barrio de  Pintelos, senón tamén polas xentes da parroquia  e doutras zonas limítrofes. Coñecíase outrora como a festa dos estranxeiros porque no mes de agosto todos os emigrantes volvían aos seus fogares para compartir un pouco de calor fraternal. Así o 5 de agosto ninguén faltaba á cita coa súa Virxe.  Curiosamente esta festividade competía coa do Anxo da Garda en dous aspectos: nas tiradas de fogos artificiais propiciadas polas comisións de festas e, sempre facendo eco da memoria popular, en que os devotos desta Virxe dicían que ningún veciño do barrio faleceu durante a Guerra Civil.  De todas as festividades que se celebran na parroquia, só esta Imaxe loce  vestiduras. Posúe un fermoso vestido e manto que son o orgullo dos seus devotos.

             Capela do Santo Angel da Garda.  Esta festividade do primeiro de marzo conta cunha enorme tradición e cunha gran cantidade de fieis tanto da parroquia como de todo o termo municipal da Cañiza e de Crecente, non en balde está considerada como a festa máis popular de Valeixe. A súa veneración traspasa os límites parroquiais. Como xa se referiu, esta festa competía coa da Virxe das Neves de  Pintelos na tirada de lumes. Mantíñase porfía de ver quen queimaba máis lumes nas festas, pero polo demais todo era harmonía e boa amizade. Tamén aquí bótase de menos as antigas cucañas. Do mesmo xeito que en  Pintelos teñen como orgullo os veciños do Santo Angel, e diso presumen, da especial protección que lles deparou na pasada guerra ao lembrar que “ningún do barrio morreu na contenda”.

             Capela de San  Antonio de  Taín.  Este pequena pero coqueta Capela necesita dunha reforma para devolverlle  o seu antigo esplendor. Tristemente foi asaltada durante longo tempo, acrecentándose os furtos na actualidade. Este barrio era coñecido porque as súas xentes tiñan fama de ser dos máis enxeñosos e  ocurrentes da parroquia. Antigamente eran coñecidos como os máis copleiros. Mesmo compuxeron un copla dedicada ao gaiteiro de Soutelo que dicía: “O Gaiteiro de Soutelo; mala centella cho mate;  non quere toca’a gaita; ata tomal’o chocolate”.

           Iglesia Parroquial de Santa Cristina de Valeixe: Patroa.  Celébrase a súa festividade o 24 de xullo.   A Igrexa Parroquial de Santa Cristina, de trazas  románicas,  foi construída por orde do Reverendo Señor D. Pedro Gil Abad no ano 1573. A capela Maior data do século  XVI e posúe unha cúpula  nervada propia daquela época. O resto da Iglesia, é dicir, a nave e as capelas laterais son obra dunha restauración posterior correspondente aos primeiros anos do século  XVIII, formando no seu conxunto unha obra barroca no seu corpo principal, co engadido da Capela Maior, obra aínda renacentista. Na fachada principal do templo figuran as armas de D. Juan Gil  Troncoso de Lira e Sotomayor, señor das casas da Picoña e de Barreiro. É de destacar no seu interior a calidade dos retablos barrocos realizados en diferentes tempos dentro do mesmo século  XVIII. 

            Descoñécese cando e porqué empezou a devoción a esta Santa italiana que naceu nunha vila da  Toscana. A historia desta santa nena lémbranos que era filla dun gobernador pagán chamado Urbano, inimigo acérrimo dos cristiáns. A nena desde pequena mostrara un interese especial polas historias que contaban dese Cristo tan perseguido e maltratado. A súa curiosidade primeira transformouse en pensamento cando descubriu que había moitos cristiáns que estaban a ser xulgados duramente polo seu propio pai e condenados por considerarse fieis dispostos a dar a vida polo seu ideal: seguir a Cristo e os seus ensinos. Unhas señoras cristiás serán as que instrúan á pequena que se bautiza en segredo e toma o nome de Cristiá. O seu pai, xunto con outros dous gobernadores, pronto descubrirá as súas fazañas e  encolerizados mándana maltratar ata o martirio, pero a nena sairá triunfante ao encomendarse ao Señor.

                   E coa historia da patroa finalizamos esta viaxe por as capelas de Valeixe e as súas devocións.

            

 Parroquias

Parroquias