Reportaxe fotográfica da 59ª Edición da Festa-Feira do Xamón

O pasado 15 de agosto celebramos unha nova edición da nosa Festa-Feira do Xamón, unha xornada que volveu encher A Cañiza de sabor, música, tradición e milleiros de visitantes.

A festa comezou xa o 13 de agosto, cun obradoiro de pan para os máis pequenos e coa espectacular elaboración do bocata xigante de xamón, que fixo historia ao bater o récord de 2024: unha barra de 20,90 metros e unha loncha de xamón de 27 metros: dous fitos únicos que xa forman parte da memoria da festa.

O día 14 de agosto continuaron as actividades cun curso de corte de xamón e cata de viños, xunto cos torneos de fútbol Festa do Xamón 2025, en categorías masculina e feminina, organizados polo Club de Fútbol Cañiza.

O día grande, o venres 15 de agosto, deu comezo coa xornada gastronómica do xamón. O Alcalde da Cañiza Luis Piña deu a benvida oficial a todos os asistentes, agradecendo a súa participación e poñendo en valor a importancia desta festa para a nosa vila.

A xornada desenvolveuse na Carballeira do Cacharado, onde o Concello abriu durante a mañá as tres tradicionais pallozas para a venda das racións que permitían degustar o xamón nas súas cinco especialidades: curado, asado, tortilla, empanada e croquetas de xamón. Cada ración incluía tamén pan, auga e os afamados viños da Cañiza, recoñecidos con diferentes premios á súa calidade.

Ademais, cos tickets de compra o público participou nos sorteos de xamóns e recibiu unha pañueleta conmemorativa desta 59ª edición, que encheu de cor e ambiente festivo a Carballeira.

Nesta mesma xornada celebrouse a X edición do Concurso de Cortadores, dirixido polo mestre Víctor Burgos, que unha vez máis puxo en valor a excelencia do noso produto estrela.

Os galardóns desta edición foron:
  • 1º Premio Mellor Cortador: Martín Domínguez Touriño
  • 1º Premio Mellor Cortador afincado en Galicia: Jorge Groba Gayoso
  •  2º Premio: Jorge Pérez Aliaga
  •  3º Premio: Francisco Javier Familiar Gómez
  •  Premio Mellor Prato Creativo Libre: Jorge Pérez Aliaga

Como en cada edición, non faltaron os cabezudos centenarios, o carro de bois e a música tradicional galega que, un ano máis, estivo a cargo da Asoc. Cultural Santa Cristina de Valeixe e do Grupo Folk Os do Cruceiro, acompañados da Charanga SGHAE.

A 59ª Festa-Feira do Xamón destacou pola súa ampla programación, pensada para todos os públicos: gastronomía, tradición, deporte, obradoiros e música.

Aquí deixamos unha selección das mellores imaxes da edición do 15 de agosto, que volveu reunir a milleiros de veciños, amigos e visitantes.

Este éxito non sería posible sen o traballo incansable de profesionais, empresarios, asociacións e traballadores do Concello.

A todas e todos, GRAZAS polo voso apoio e colaboración.