Presentamos a 58 edición da nosa «FESTA – FEIRA DO XAMÓN»

Que celebra A Cañiza o 15 de agosto na Carballeira do Cacharado

Unha festa declarada de interese turístico de Galicia.

  • O Alcalde Luis Piña presentou no complexo hosteleiro «Os do Resero» a 58 edición da Feira acompañado da Ex Ministra de Agricultura e Teniente de Alcalde de Vigo, Elena Espinosa, do Presidente da Cámara do municipio portugués de Melgaço, Manoel Baptista e dos Alcaldes de Covelo, Pablo Castillo e do Concello ourensán de Melón, Emilio Díaz.
  • Tamén estivo presente Víctor Burgos, profesional xamoneiro e director do IX Certame de Cortadores de Xamón que se celebrará tamén o día 15 na Carballeira.
  • Ademáis acompañaron ao Alcalde os Concelleiros  Rubén Muiños e Eva María Rivas.

O 15 de agosto celebramos “58 ANOS DE FEIRA DO XAMÓN”. Unha cita co bo xamón, marcada en maiúscula no calendario do verán galego que ademáis ten o valor de congregar e reunir  a veciños e turistas.

Na xornada do 15 de agosto o Concello preparará 10.000 racións de xamón en diferentes especialidades, sendo o xamón curado o máis solicitado. Tamén tortilla de xamón, empanada, xamón asado e como novidade este ano, croquetas de xamón. As racións que se poderán comprar nas típicas pallozas da Feira véndense a 7 € e inclúen ademáis do xamón, pan, un vaso de viño albariño da Cañiza e auga. Ademáis a adquisición deste ticket dará dereito a participar cunha rifa no sorteo de tres xamóns e un pano conmemorativo da festa como agasallo.

O Alcalde abriu o acto de presentación dando a benvida a todos os medios de comunicación e agradecendo a aceptación da invitación cursada ás autoridades para asistir.

 

Rolda de intervencións

  • Luis Piña cedeu a palabra ao Alcalde de Melón, Emilio Díaz, que un ano máis volveu a lembrar cómo a Feira do Xamón foi e segue sendo un referente das festas e feiras da comarca. Na súa intervención tamén relatou a importancia que na súa casa se lle daba ao xamón e aos produtos do porco que eran utilizados na cociña galega case todos os días. Emilio Díaz agradeceu a invitación e felicitou ao Concello pola organización desta grande Feira.
  • A rolda de intervencións continuou co Alcalde de Covelo que tamén agradeceu ao Concello por telo invitado a participar na presentación dun dos eventos de exaltación gastronómica máis importantes da Comarca da Paradanta. Pablo Castillo convidou a asistir á festa para desfrutar da excelente gastronomía que ofrece A Cañiza así como de todas as actividades culturais e gastronómicas que se desenvolven en torno  á Feira do Xamón.
  • O Presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Baptista, que un ano máis volveu a acompañarnos nesta presentación, reivindicou o vínculo que une aos dous Concellos: A Cañiza e Melgaço. En ambos se celebran as festas de exaltación do xamón  (e do presunto en Portugués) “e entre os dous pobos interactuamos para exaltar este produto icónico da nosa rexión”. Rematou a súa intervención desexando Á Cañiza moito éxito na súa festa máis popular.
  • Continuou a intervención Elena Espinosa, que tamén agradeceu a invitación do Alcalde e fixo referencia á importancia do desenvolvemento da agricultura e a gandeiría como motor da economía local. Neste caso do xamón e da súa capacidade para crear riqueza en todos os procesos de cría e venda dos porcos, transformación da carne, venda de carne e finalmente na hostelería.

Na presentación, o Alcalde avanzou a programación das festas que podedes consultar neste enlace https://caniza.org/es/turismo/fiesta-popular/58-feria-del-jamon-en-caniza-15-de-agosto-de-2024, destacando a celebración da cata comentada de curados e viños, o obradoiro do bocadillo xigante de xamón, o IX concurso nacional de cortadores de xamón e a propia Xornada Gastronómica do 15 de agosto.

Luis Piña agradeceu o apoio de Elena Espinosa, Manoel Baptista, Emilio Diaz, Pablo Castillo na presentación de hoxe. Tamén agradeceu a Víctor Burgos pola magnífica composición gastronómica que preparou para o acto desta mañá, amosando unha vez máis a súa arte co coitelo e o xamón.

O Alcalde tamén agradeceu e felicitou aos cociñeiros do Restaurante Os do Resero pola preparación dalgunhas das tapas presentadas hoxe e recordou o importante traballo desenvolvido polos empregados  do Concello para que durante estos días poidamos gozar das festas.

Luis Piña tamén fixo referencia ao completo programa cultural que dende o 1 de xullo estase desenvolvendo na Cañiza e sobre todo ao cartel de actos e verbenas dos días 13, 14 e 15 de agosto e

despediuse invitando a asistir a esta celebración a todos os galegos e visitantes que desexen pasar a xornada do vindeiro xoves nunha feira de exaltación do xamón á sombra da nosa Centenaria Carballeira do Cacharado.