O Concello da Cañiza retoma a colaboración coa «Via Mariana de Peregrinación Luso–Galaica que une Braga con Muxía» aprobando un convenio para captar fondos das administracións públicas

  • Estas axudas irán destinadas á construcción dun Albergue de Peregrinos na antigua casa da carnicería e adaptación da Casa Cultural de Parada en Centro de Interpretación da Vía Mariana. Ambas edificacións están situadas no Feirón, no antigo mercado da parroquia de Parada que se converterá no centro neurálxico desta Vía que comeza no Santuario do Sameiro en Braga (Portugal) e ao longo de 382 km chega ata Muxía na Coruña, pasando polos santuarios marianos máis importantes, entre eles o da Franqueira.
  • O Pleno celebrado o pasado 2 de xuño aprobou a sinatura dun Convenio de Colaboración entre o Concello da Cañiza, a Asociación de Veciños de Parada – A Paradanta e a  Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Parada de Achas para a captación de axudas de todas as administracións públicas.
  • Unha colaboración que se volve a retomar despois da profunda crise sanitaria e social producida pola Pandemia da Covid-19 que paralizou as actuacións que se viñan desenvolvendo ata o momento, como foi a celebración do 1º Encontro Transfronteirizo de Alcaldes e Presidentes de Cámaras Portuguesas da Vía de Peregrinación. Unha xuntanza histórica, celebrada o 6 de marzo de 2020, pouco antes da declaración do Estado de Alarma,  promovida polo Concello da Cañiza no que participaron 24 representantes dos 29 municipios polos que discurre a Vía
  • De novo o Concello e tras a volta á normalidade, continúa cos traballos de impulso e desenvolvemento deste importante proxecto turístico, cultural, relixioso, económico e social.
  • Unha Vía chea de paisaxe e patrimonio cultural e espiritual, apoiado por 29 institucións cun obxectivo común: crear sinerxias para loitar contra as zonas rurais máis desfavorecidas, mellorar a calidade de vida dos homes e mulleres destas zonas e ponderar a nosa riqueza paisaxística, patrimonial e relixiosa, como un revulsivo para proxectar as zonas rurais luso galaicas máis deprimidas coñecidas como o “deserto verde”. Esta vía tamén está concebida como un punto de encontro espiritual .

 

O Pleno do Concello da Cañiza celebrado o pasado 2 de xuño, aprobou a sinatura dun Convenio de Colaboración coa Asociación de Veciños de Parada – A Paradanta e a  Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Parada de Achas para a recuperación do entorno do Feirón, na parroquia de Parada e punto medio e de encontro da Vía entre Braga e Muxía.

Neste emprazamento da Cañiza construirase un pequeno Albergue de Peregrinos nun antigo local que antaño estaba destinado á carnicería e dun moderno centro de interpretación no actual centro cultural do Feirón. Unha edificación que será rehabilitada e adaptada conforme aos proxectos cos que xa conta o Concello.

Dúas obras que serán definitivas para converter Parada, e polo tanto A Cañiza nun lugar de referencia para os peregrinos. Antes da Pandemia, en menos dun ano a Vía xa tiña expedida  500 credenciais e contaba con 5 páxinas de Facebook en 5 países en mans de socios colaboradores: Portugal, España, Alemania, Hungría e República Checa.

Segundo manifestou o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, “esta vía é un proxecto altruista e ambicioso feito coa suma de talentos e vontades con moitos obxectivos á vista pero principalmente para atraer inversións e desenvolvemento para A Cañiza”.

“Por eso o Concello da Cañiza asume o compromiso de buscar, captar e obter a financiación necesaria para este proxecto, en calquera das administracións públicas (axudas  da Unión Europea, ministeriais, autonómicas ou provinciais)”.

“Tamén se compromete a desenvolver todas aquelas accións que teñan como obxectivo principal o asentamento de bases para a creación de riqueza, neste caso co turismo como cun gran potencial para loitar contra a despoboación do rural e para dinamizar e promover accións económicas revitalizadoras”.

 

 https://www.facebook.com/viamarianalusogalaica/