
Así o anunciou o Alcalde Luis Piña esta mañá, tras ter recibido oficialmente este luns a Resolución da Deputación de Pontevedra, adoptada polo Pleno Provincial o pasado 7 de marzo, pola que se lle concede á Cañiza un total de 700.000,00€ para a financiación da obra a través do «Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra».
Unha excelente noticia que o Alcalde valorou moi positivamente e que permitirá ao Concello licitar a obra no momento en que se acade toda a financiación.
Unha actuación que ascende a 1.254.366,89€ impostos engadidos. Desagregados en 871.148,61 € de execución material, 113.249,32€, correspondentes ao 13% de gastos xerais, 52.268,92 de beneficio industrial (6%) e 217.700,04€ correspondentes ao 21% de Ive”.
O Alcalde Luis Piña avanzaba esta mañá que o proxecto conseguiu xa unha parte importante da financiación a través da Deputación Provincial. Do coste total, 700.000,00€ acaban de concederse con cargo ao «Plan Extra» e os restantes 554.366,89 serán solicitados polo Concello a través dos Plans Provinciais «+ Provincia» en dúas anualidades. Neste 2025 o Concello está a piques de solicitar ante o organismo provincial 277.183,44, cantidade que se corresponde co 50% non sufragado polo Plan Extra. No vindeiro 2026 o Concello tratará de solicitar o outro 50% o que permitiría financiar ao 100% a obra, sen ter que aportar recursos propios.
Ademáis aos costes da execución do proxecto, súmanse os traballos de asistencia técnica para a súa redacción. Outros 44.588,50€, tamén financiados ao 90% pola Deputación de Pontevedra, nesta ocasión a través da Rede Ágora. Unha axuda conseguida ao pertencer A Cañiza a Rede de Concellos Agora polo Espazo Público da Deputación, que ten por obxectivo acadar unha mobilidade máis amable e a recuperación dos espazos públicos municipais.
O 11 de marzo de 2022 o Concello adxudicou á empresa Galaicontrol S.L a redacción deste proxecto que contou coas aportacións e suxerencias dos comerciantes e veciños da rúa e que foi rematado e entregado oficialmente o 15 de decembro baixo o título «Humanización da rúa Antonio Facorro, dende a EP-5003 ata a N-120».
A partires desta data o Alcalde Luis Piña comezou as reunións cos propietarios dos establecementos comerciais e toda a veciñanza para explicarlles de primeira man as características e posibilidades da actuación, despexando así dúbidas como a eliminación dalgúns espazos de aparcamento en favor dos viandantes.
Unhas 31 prazas que dende o Concello se reubicarán nos terreos do párking das rúas novas, como así avanzou o Alcalde que xa anunciou tamén que “comezaremos a negociar cos propietarios da parcela a ampliación da capacidade actual desta zona para un estacionamento maior, que poida absorber máis das 31 prazas que quedarían anuladas na Rúa Facorro".
O PROXECTO. cómo será a nova rúa Antonio Facorro?
Abarca unha superficie de actuación de 4.105m2, nun itinerario que conecta as zonas verdes da Praza Maior e o Parque Central.
A obra actuará sobre o mal estado dos pavimentos da calzada e das aceras que provocan incluso a entrada de augas nos baixos das edificacións. Instalación de marcas ranuradas e táctiles para mellor uso de invidentes, novos pasos peonís, mellor iluminación que ademáis se soterrará para evitar os tendidos aéreos. Novos mobiliarios urbanos e xardinería, coa colocación de grande variedade de prantas e árbores.
Segundo o proxecto de humanización a rúa contempla un carril nunha única dirección, entrando pola N-120 ou pola rúa Botica en dirección á rotonda de entronque coa estrada provincial A Cañiza- Arbo. A circulación nas rúas Novas (Rosalía de Castro, Otero Pedraio, CAstelao e Curros Enríquez), mantense sen cambios.
Na rúa quedarán zonas de carga e descarga para facilitar o servizo do comercio local e un amplo espazo peonil. Destaca a alta calidade nos materiais utilizados para o embelecemento do espazo.
Un 50% da obra actuará sobre os servizos soterrados: saneamentos, rede de abastecemento de augas, pluviais e comunicacións.
A humanización da Rúa intégrase ao 100% na filosofía da Rede ÁGORA da Deputación
O Concello adheriuse á REDE ÁGORA o pasado 26 de outubro de 2020, por unanimidade do Pleno, en vista da necesidade de recuperar espazo público para os peatóns fronte aos vehículos.
Neste sentido a rúa Antonio Facorro cumpría con todas as condicións posibles para poder ser obxecto da recuperación e humanización integral.
O proxecto pretende recuperar espazo para a mobilidade peoníl e a estancia social na meirande parte da superficie da rúa, que na actualidade monopoliza os vehículos (un total de 3.137 m2 que representa o 69% da superficie total de 4.525 m2).
Coa nova ordeación, se recupera espazo peonil, deixando a rúa cun carril en sentido único. Se mellora a seguridade vial, a accesibilidade e se pon en valor o patrimonio arquitectónico.


