O Alcalde Luis Piña acompañou a Álvaro Pino na saída da marcha e participou na presentación do tradicional bocadillo de xamón repartido no avituallamento da Franqueira
O pasado domingo celebrouse unha nova edición da «SESTELO CLÁSICA ÁLVARO PINO», unha das marchas ciclodeportivas de referencia do calendario galego e nacional, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C. A proba, de carácter non competitivo, volveu contar co paso polo noso municipio dentro dun percorrido que puxo en valor a riqueza paisaxística das comarcas do Condado e da Paradanta.
Nesta edición participaron 550 ciclistas, superando novamente as expectativas de participación e consolidando o éxito desta cita deportiva. Os participantes puideron escoller entre dous percorridos alternativos, un máis curto e outro de maior esixencia, ambos con importantes desniveis acumulados e con tramos por enclaves emblemáticos como o Santuario da Franqueira ou o Castelo de Sobroso.
O Alcalde Luis Piña acompañado da Teniente de Alcalde María José Rodríguez e o Concelleiro Felipe Piña, estivo presente na saída da marcha xunto ao ex ciclista ponteareán Álvaro Pino, compartindo cos ciclistas os momentos previos ao inicio da proba e participando na presentación do tradicional bocadillo de xamón que posteriormente se repartiría no avituallamento do Alto da Franqueira.
Sobre as 11:30 horas, repartíronse máis de 550 bocadillos de xamón na parada técnica realizada no Adro do Santuario da Franqueira, ao seu paso polas terras da Caniza. Como en edicións anteriores, o Concello colaborou coa organización habilitando este punto de avituallamento, que foi moi ben recibido polos participantes polo ambiente de convivencia e hospitalidade vivido durante toda a mañá.
O Alcalde Luis Piña felicitou un ano máis á organización, Asociación Deportiva Cultural Plan C, e ao ex corredor Álvaro Pino polo éxito dunha marcha que continúa a contribuír á promoción deportiva, turística e paisaxística da nosa contorna.
Luis Piña tamén quixo agradecer a colaboración dos establecementos da Caniza pola doazón de xamón para esta proba: Paradanta, Resero, Os do Resero, Área de Servizo da Caniza, A Taberna, Piri Piri e Bar Pirri. “Grazas pola vosa colaboración e por seguir apoiando eventos que promocionan o noso municipio e os nosos produtos”.
O Alcalde tamén agradeceu o traballo e colaboración dos veciños e colaboradores da Caniza que participaron na preparación e reparto do avituallamento no Alto da Franqueira.
Noraboa a todos polo éxito desta nova edición!
Galería multimedia