- O Alcalde Luis Piña presentou e promocionou os activos gastronómicos da Cañiza este sábado, 12 de novembro, nun acto especial adicado á Feira do Xamón.
- O Concello estivo presente en XANTAR do 9 ao 13 de novembro con stand propio e tamén compartindo activos turísticos cos concellos do Condado e A Paradanta no espazo do GDR.
O Alcalde presentou este sábado, no recoñecido Salón Internacional de Turismo Gastronómico «Xantar» de Ourense, os activos gastronómicos da Cañiza, abanderados polo xamón, xunto cos cocidos, os viños da zona e a tetilla, a mel e o chocolate.
Nun exitoso acto no que Luis Piña, acompañado das Concelleiras do Goberno e do cañicense e prestixioso cortador de xamón Víctor Burgos, Director dos Concursos de Cortadores da Feira do Xamón da Cañiza, fixeron as delicias dos asistentes, divulgando e dando a saborear todos os nosos produtos.
Un ano máis o stand da Cañiza foi un dos máis visitados polo público deste Salón de Turismo. A orixinalidade na presentación, así como a degustación e a excelente calidade dos produtos garantiron o apoio e o eloxio dos asistentes.
O Xamón da Cañiza é o maior abandeirado da nosa gastronomía pero tamén o son outros produtos cárnicos de porco que fan que os cocidos da Vila sexan reclamo dabondo para atraer á Cañiza a centos de comensais durante todo o ano. Así presentou o Alcalde Luis Piña a nosa oferta gastronómica que se completa cos excelentes viños da nosa zona, “Eido da Fonte” de Valeixe e “Abelán” de Foxo-Pintelos, pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas e os caldos da “Adega Torgo” de Parada cos seus dous viños ecolóxicos de variedade albariña. Xamón e Viño que xuntos crean a maridaxe perfecta cos queixos elaborados na Cañiza da casa «Castro Xaneiro», o mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez e os chocolates tradicionais da casa “López”.
Toda unha exquisitez que obriga dunha visita á Cañiza para poder degustala.
Video file
Galería multimedia