8 de Marzo. Día Internacional da Muller. Actividades programadas polo Concello e Declaración institucional da FEGAMP

DEREITOS, IGUALDADE E APODERAMENTO PARA TODAS AS MULLERES E NENAS EN TODA A SÚA DIVERSIDADE

Declaración Institucional con motivo do 8 de Marzo de 2025

Día Internacional da Muller

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) conmemora este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, reafirmando o compromiso do municipalismo cos dereitos das mulleres, cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local dende o pulo de medidas concretas que reforcen os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan protagonistas do seu propio presente.

Este ano facémolo baixo a lema “Dereitos, Igualdade e Apoderamento. Para todas as mulleres e nenas”, promovido desde ONU - Mulleres, facendo un chamado á acción para acadar a igualdade de dereitos e oportunidades para todas as mulleres, e en especial as mulleres novas e as nenas, agora que se compren 30 anos de Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada por cento oitenta e nove gobernos durante a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, celebrada na capital chinesa.

En 1995 sentaron as bases para o avance dos dereitos das mulleres e nenas en todo o mundo, desde a intervención as políticas, os programas e o investimento que teñen efecto na educación, a saúde, a paz, os medios, a participación política, o apoderamento económico e a eliminación da violencia que aínda padecen.

Trinta anos despois segue sendo necesario reforzar a nivel global e local a aplicación de medidas en tres áreas clave:

  • Fomento dos dereitos das mulleres e nenas fronte a toda forma de violencia, discriminación e explotación.
  • Promoción da igualdade de xénero elevando as voces das mulleres e nenas para acabar coas desigualdades.
  • Impulsar o apoderamento garantindo o acceso inclusivo de mulleres e nenas á educación, o emprego, o liderado e os espazos de toma de decisións.

Os concellos e deputacións galegas son conscientes da necesidade de avanzar na representación paritaria de mulleres e homes nas entidades locais.As mulleres seguen a padecer máis dificultades que os homes para desenvolver a súa actividade política local.

Tense que seguir dando importantes avances nos liderados femininos para conseguir superar nos trescentos trece concellos galegos o 40% de alcaldesas (agora no 22%) como xa acontece coas concelleiras, que xa son o 40%. No caso das presidencias das catro deputacións, o reto é que, no seguinte mandato, polo menos dúas conten cunha presidenta e que as deputadas provinciais tamén superen o 40% (agora no 36%).

Dende o municipalismo galego recoñécense estes avances en reforzo de todo o labor que aínda queda por desenvolver ata conseguir que as entidades locais sexan espazos onde a igualdade sexa unha realidade.

Por iso, neste período ata as próximas eleccións, a FEGAMP en representación do municipalismo galego mantén o seu compromiso con:

  • A promoción da participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías. 
  • A incorporación da perspectiva de xénero en todas as políticas e programas locais, garantindo que se tomen en conta as necesidades e realidades específicas de mulleres e nenas nas nosas accións. 
  • A aplicación de medidas para garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego, promovendo a participación equitativa de mulleres en todos os niveis e sectores laborais.

 

 8 de Marzo. Día Internacional da Muller. Actividades programadas polo Concello e Declaración institucional da FEGAMP