O Concello inicia a programación cultural das Letras Galegas 2026 coa representación teatral da obra “Made in Galiza”, unha proposta escénica que combina humor, emoción e reflexión arredor da lingua galega.
A función terá lugar o 9 de maio ás 20:30 horas no Auditorio Municipal da Cañiza.
Sinopse
Baixo a dirección de Fina Calleja, a compañía Sarabela Teatro leva ao escenario o coñecido texto de Séchu Sende, unha obra que convida o público a reflexionar sobre a relación da sociedade galega coa súa lingua. A través dunha mirada crítica e ao tempo chea de humor, a peza cuestiona actitudes cotiás como o “es que no me sale” ou “es que no se me da”, propoñendo unha defensa activa do galego como patrimonio vivo.
“Made in Galiza” preséntase como un convite á “República Independente da nosa lingua”, un espazo simbólico no que as palabras non se perden nin se abandonan. A obra abre as portas a un teatro accesible e emotivo, combinando poética, retranca e compromiso.
A montaxe constrúese a través de historias diversas, protagonizadas por personaxes retranqueiros, combativos, tenros e cómicos, que conectan co público desde a emoción e a cercanía. Trátase dunha proposta escénica que mestura sentimento, plasticidade e confrontación, converténdose nunha firme defensa da lingua galega.
Ficha artística
- Autor: Séchu Sende
- Dirección: Fina Calleja
- Dramaturxia: Fernando Dacosta e Fina Calleja
- Elenco: Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto
Ficha técnica
- Deseño de escenografía: A Menosde7Metros
- Deseño de iluminación: José Manuel Bayón
- Soportes visuais: Iris Branco
- Deseño de vestiario: Tegra e Lele / Sarabela Teatro
- Campo sonoro: Renatta Codda Fons
- Fotografía: Rubén Vilanova
- Gravación en DVD: Alba V. Carpentier
- Distribución: Culturactiva / Sarabela Teatro
- Técnicos de luz e son: José Bayón / Rubén Dobaño
- Deseño gráfico: Peatón Gráfico
- Produción: Fina Calleja
Agradecementos: Cine Clube Padre Feijóo, Universidade de Vigo - Campus de Ourense, Ruth D. Pereira, IGMIG.
Esta actividade conta co apoio da Deputación de Pontevedra e reafirma o compromiso do Concello coa promoción cultural.

O sábado 9 de maio, ás 20:30h no Auditorio da Casa de Cultura da Caniza