O Alcalde presenta a nova programación do «VERÁN DE LECER 2023 CONCELLO DA CAÑIZA»

En marcha o «Verán de Lecer» preparado para este verán, cunha  variada e completa programación pensada para todos os públicos e gustos dos nosos veciños e visitantes.

Durante os tres meses estivais ofreceremos un completo calendario de actividades e campionatos deportivos no que terán cabida festas, actuacións musicais,  karaokes, actividades para os máis pequenos, maxia, humor, circo cómico, teatro, exposicións, cine ao aire libre, andainas, festa dos maiores e campionatos e exhibicións deportivas de todo tipo.

Ademáis este ano contamos con dúas novas competicións de deporte urbano: a 1ª Pumptrack de A Cañiza- Copa Galicia que se celebrará este domingo 16 de xullo e o Campionato de BMX A Cañiza, na modalidade de street & bowl previsto para o 2 de setembro que se desenvolverán nas novas instalacións deportivas de skatepark e pumptrack da rúa Silleda.

E no marco desta programación as festas son as grandes protagonistas. Os días 14 e 15  de agosto celebramos a 57 Edición da Feira do Xamón, declarada de interese turístico de Galicia, e que este ano celebrará o VIII concurso nacional de cortadores de xamón.  O cartel de verbenas contará coas actuacións o día 14 do grupo ALKAR e a orquestra SAUDADE e o día 15 do grupo LA NAVE e a orquestra GRAN PARADA. 

A programación das festas do xamón acollen o obradoiro do bocata de xamón, o domingo 13 de agosto, ás 18h na rúa Oriente. O luns 14 o curso Máster Class de corte de xamón e cata de viños, ás 19h tamén na rúa Oriente e o 15 de agosto a celebración da xornada gastronómica matinal, na Carballeira do Cacharado que comezará a partires das 11h.

As festas de agosto pechan o domingo 20 coa tradicional sardiñada popular e churrascada de vitela da Paradanta, tamén na Carballeira do Cacharado. Unha xornada que estará amenizada con charanga, música folk e na que os pequenos poderán disfrutar de inchables e festa da escuma a partires das 17h.

A programación  do Verán de Lecer remata o 24 de setembro  cunha ruta de BTT na especialidade de ciclismo de montaña que comezará as 9.30h con saída dende a Casa do Concello.

Todas as actividades que se desenvolvan ao aire libre, trasladaranse á Casa de Cultura no caso de mal tempo.

Ademáis dende o Concello lembramos que o ximnasio da Cañiza está aberto de luns a venres en horario de 08h a 14h e de 15h a 22.30h. A piscina de Verán de «As Grades» permanecerá aberta todos os días en horario de 13.30h a 21.00h e a Praia Fluvial de Luneda todo o día.

O Concello agradece tamén a todas as asociacións e clubes deportivos pola organización dos seus respectivos eventos que recollemos tamén nesta edición do verán cultural. Grazas polo voso esforzo e traballo.

Consulta toda a programación neste enlace: