Luis Piña recibiu esta mañá na Alcaldía aos oficiais da BRILAT que están preparando o despregamento na Cañiza da «Operación Centinela Galego de defensa dos montes 2022»

Trátase dunha operación de reforzo para loitar e previr os incendios forestais, que arrancará o vindeiro 15 de agosto  e permanecerá activa ata o 30 de setembro.

O Capitán Gomarra  e a Soldado Noya da Brilat de Pontevedra, informaron esta mañá ao Alcalde  sobre esta estratexia que permanecerá activa na Comunidade Autónoma dende o 15 de agosto ata o 30 de setembro co despregamento de patrullas terrestres nas zonas da comunidade con maior actividade incendiaria, unha delas nas comarcas do Condado - Paradanta, con sede única na Cañiza, que integra todos os Concellos do Distrito XVII e o Concello de Melón, pertencente ao Distrito XI Ribeiro - Arenteiro.

Nesta primeira reunión o Alcalde, Luis Piña, agradeceu a “esencial labor que o Exército leva desenvolvendo nestes anos na loita contra os incendios, corroborado polas estadísticas que marcan un importante descenso dos incendios nos nosos montes”. Luis Piña, un ano máis lle transmitiu aos oficiais “a vontade do consistorio de colaborar e traballar conxuntamente sempre que a situación o requira”.

As patrullas despregadas na Cañiza terán o centro e unidade de mando na Casa Cultural O Pateiro de Oroso adaptado para acoller este Operativo dende o ano 2019. Neste  ano o Alcalde, Luis Piña, adoptou a decisión de cambiar de emprazamento a estas patrullas, que nos últimos anos operaban dende as instalacións do CPI da Cañiza, mellorando a calidade da instalación.