A Deputación apura os últimos trámites para executar as obras da estrada de Luneda, na Cañiza, cun orzamento de 284.000 euros

As obras, que hoxe visitaron o deputado Gregorio Agís e o alcalde Luis Piña, responden a unha petición do rexedor á Deputación, recollendo as peticións da veciñanza

 

08/07/2022. As obras de pavimentación e mellora da seguridade viaria na estrada EP-5206, de Luneda (A Cañiza) están máis preto.

A Deputación está a piques de rematar o procedemento de licitación duns traballos valorados en 283.956 euros e que responden a unha actuación priorizada polo alcalde da Cañiza, Luís Piña.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou hoxe a zona acompañado do rexedor cañicense, a quen informou da inminente adxudicación toda vez que a mesa de contratación provincial xa valorou as ofertas presentadas polas distintas empresas.

A estrada de Luneda, unha das sete que transitan pola capital da Paradanta dá servizo a este núcleo rural, situado nunha terraza natural cara o Oeste. Ademais é a vía natural de comunicación co veciño concello de Arbo ao longo dos case 3 Km de trazado.

A súa reparación, despois da apertura desta vía provincial hai 35 anos, dá resposta a unha reclamación presentada pola veciñanza ao Concello. A propia presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou tamén esta zona con Luís Piña hai meses.

Unha vez que a Deputación priorizou este proxecto e rematou o procedemento de licitación, a obra poderá executarse ao longo dos próximos meses.

Abrangue a totalidade do trazado, dende o entronque da EP-5206 coa contorna da ponte das Achas ata o propio núcleo de Luneda.

OBRA CIVIL:

O proxecto inclúe a demolición do actual firme asfáltico, saneo e retirada de sobrantes. Tamén se procederá ao fresado onde sexa necesario. Unha vez preparada a plataforma aplicarase unha subbase de rachón debidamente compactada sobre a que se aplicará unha capa de saburra e pedra de macadam antes de aplicar a emusión asfáltica e o novo formigón bituminoso en quente. A estrada será dotada dunha tubaxe de drenaxe de PVC de 160 mm e procederase a un pintado completo, renovación da sinalización vertical e, ademais, instalación de “captafaros” na separación das beiravías para optimizar a seguridade en horario nocturno.

 

Foto de Luis Piña e Gregorio Agis en Luneda