A Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza asinan un convenio para paliar os gastos e danos ocasionados polo incendio forestal do 30 de xullo

 

O Alcalde Luis Piña asina co Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza destinado a paliar os danos e gastos ocasionados pola cooperación municipal durante o incendio forestal do pasado 30 de xullo de 2025.

O convenio suscrito establece unha achega económica de 3.067,44 euros, destinada a paliar os danos sufridos nos viais públicos e a compensar os custos derivados da participación do persoal municipal nas labores de apoio na extinción e asistencia.


O INCENDIO QUE AFECTOU Á CAÑIZA

Aquel lume, declarado de forma simultánea en cinco puntos distintos, afectou ás parroquias de Oroso, Couto, A Cañiza e Valeixeesta última a máis prexudicada— e arrasou máis de 280 hectáreas de terreo, converténdose naquel momento no primeiro e un dos incendios máis graves do verán en Galicia.

O incendio foi declarado de nivel 2 debido á súa proximidade a zonas habitadas e, durante a emerxencia, activouse por primeira vez en Galicia o sistema ES-ALERT, que permitiu alertar á poboación mediante mensaxes directas nos teléfonos móbiles.

Durante a emerxencia despregouse un amplo dispositivo de medios de extinción cunha resposta exemplar por parte de todas as administracións implicadas, entre elas:

  • a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Xunta de Galicia,

  • a Unidade Militar de Emerxencias (BIEM5),

  • brigadas terrestres, motobombas, bulldozers, medios aéreos,

  • a Garda Civil —con 17 patrullas activadas—,

  • a Policía Autonómica e a Policía Local,
    sumando máis de 200 profesionais.

No operativo chegaron a participar 5 bulldozers, 9 motobombas, 19 brigadas terrestres, 8 helicópteros e 5 avións, que traballaron de maneira coordinada durante varios días ata lograr controlar e extinguir o incendio.

Tal e como lembrou o Alcalde “naquel momento despregáronse todas as capacidades dispoñibles polas distintas administracións, nunha resposta coordinada que permitiu conter un lume de gravísima intensidade”.

O Concello da Cañiza, pola súa banda, sumouse ao operativo de emerxencia coa mobilización de dotacións municipais, maquinaria e persoal propio, que colaboraron de maneira coordinada cos servizos autonómicos e estatais de extinción, reforzando as tarefas de apoio durante a emerxencia.


SINATURA DO CONVENIO

Este convenio é a consecuencia do procedemento iniciado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local, que mediante comunicación da Directora Xeral Natalia Prieto Viso, do 2 de setembro de 2025, abriu o prazo para que os concellos afectados polos incendios forestais do verán de 2025 solicitasen axudas económicas destinadas a paliar os danos e gastos derivados das súas actuacións.

En resposta a esa convocatoria, o Concello da Cañiza presentou a súa documentación (Expediente 1535/2025), solicitando apoio para afrontar os custos da mobilización municipal e reparar as infraestruturas danadas. O convenio suscrito establece unha achega económica de 3.067,44 euros.

O Alcalde Luis Piña afirmou que “esta colaboración da Xunta de Galicia supón un exemplo de coordinación institucional e de apoio ao labor desenvolvido polo Concello durante unha emerxencia de grande magnitude. Grazas a esta achega económica poderemos recuperar parte dos recursos investidos e reparar os danos máis urxentes nos viais públicos”.

Finalmente, o Concello da Cañiza agradece a cooperación institucional e reafirma o seu compromiso de seguir traballando en accións de prevención e recuperación ambiental para garantir o benestar de toda a veciñanza.

 

A Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza asinan un convenio para paliar os gastos e danos ocasionados polo incendio forestal do 30 de xullo

 

A Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza asinan un convenio para paliar os gastos e danos ocasionados polo incendio forestal do 30 de xullo

 

A Xunta de Galicia e o Concello da Cañiza asinan un convenio para paliar os gastos e danos ocasionados polo incendio forestal do 30 de xullo