A «VI Tempada do Cocido Cañicense» pecha cun sorteo de 30 noites de hotel

Esta mañá celebrouse o sorteo de 30 noites de estancia para dúas persoas vinculadas á campaña de dinamización da hostalaría local, tal e como explicou o Alcalde Luis Piña.

A iniciativa arrancou coa apertura da VI Tempada do Cocido Cañicense, presentada o pasado 27 de outubro e desenvolvida ata o 2 de novembro. O obxectivo desta acción é apoiar á hostalaría local e poñer en valor un dos pratos estrela do municipio.

Durante os días da campaña, todas as persoas que consumiron unha ración de cocido nos establecementos adheridos —Os do Resero, Eido do Monte, Arela, Hammond, Chiringuito da Avoa, Xamonería Xatomé, Área de Servizo, Bar Piri Piri, Casa Eligio e O Noso Bar— recibiron unha rifa coa que participaron automaticamente no sorteo.

Os 30 agasallos consisten nunha noite de hotel para dúas persoas nalgún dos dous establecementos colaboradores desta edición, Finca Briabí e Casa Rural Vieiro, que se suman á iniciativa para reforzar a promoción da gastronomía e dos recursos turísticos da Cañiza.

Segundo as bases da campaña, realizouse primeiro un sorteo individual por cada local participante, empregando os cupóns recollidos por cada establecemento. Posteriormente celebrouse un sorteo xeral no que se incluíron todos os billetes achegados polos locais.

As persoas premiadas serán contactadas mediante o número de teléfono facilitado nas rifas. Os números gañadores tamén estarán dispoñibles na web municipal e nas redes sociais oficiais. Os premios deberán recollerse nas oficinas municipais (rúa Oriente, nº 11 – 1º andar) nun prazo dun mes, presentando obrigatoriamente a factura ou tícket da consumición, onde conste o concepto “cocido” e a data correspondente. Os vales poderán utilizarse entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de marzo de 2026, agás durante o período da campaña de Nadal.

O Alcalde destacou que, aínda que a semana promocional concluíu, A Cañiza segue aberta todo o ano a quen queira achegarse a saborear a súa gastronomía, e que o cocido cañicense pode degustarse os 365 días do ano nos locais de restauración do municipio. Ademais, subliñou que:

“Con esta iniciativa queremos atraer visitantes á Cañiza, poñer en valor a nosa gastronomía e promover os nosos recursos naturais, especialmente as rutas de sendeirismo, que no outono ofrecen panorámicas excepcionais”.

Parabéns ás persoas premiadas!

A «VI Tempada do Cocido Cañicense» pecha cun sorteo de 30 noites de hotel