- Unha mostra na que participaron máis de 230 palilleiras e palilleiros pertencentes a 22 asociacións das provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña.
- O Alcalde Luis Piña destacou o éxito de participación e asistencia nunha xornada que volveu rexistrar cifras récord e felicitou e agradeceu á Asociación Amuruva polo gran traballo realizado.
- Con esta nova edición, o certame consolídase como un referente cultural nas comarcas do Condado e da Paradanta.
O recinto da Irmandade de Valeixe acolleu este domingo a celebración da «III Mostra de Palilleiras do Concello da Caniza», organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe (AMURUVA), coa colaboración do Concello da Caniza e de diversos establecementos e comercios locais.
A xornada reuniu a máis de 230 palilleiras e palilleiros procedentes de 22 asociacións de distintos puntos das provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, que amosaron ao público os seus traballos e a súa destreza na arte tradicional do encaixe de bolillos.
Un dos principais obxectivos desta mostra foi fomentar a confraternización e o encontro entre as persoas dedicadas a este nobre oficio artesanal. Ao longo da xornada, as palilleiras e palilleiros compartiron experiencias, técnicas e coñecementos arredor da arte do encaixe de bolillos, presentando tanto pezas xa confeccionadas como os traballos que estaban a realizar en directo diante do público asistente.
A mostra converteuse así nun espazo de intercambio, aprendizaxe e posta en valor dunha tradición artesanal que continúa viva grazas ao esforzo e dedicación de colectivos como AMURUVA e das asociacións participantes.
O certame comezou ás 10:00 horas coa recepción dos participantes, aos que a organización entregou un agasallo conmemorativo: un alfileteiro artesanal cunha mostra de encaixe. A organización tamén os agasallou cun bocadillo de xamón e auga durante a mañá, como mostra de agradecemento. Dende primeiras horas da mañá, as integrantes de AMURUVA traballaron intensamente para preparar un evento que destacou tanto pola súa organización como pola elevada participación.
Durante a mañá, o Alcalde da Caniza, Luis Piña, acompañado do concelleiro Felipe Piña e das organizadoras, percorreu os distintos postos instalados no recinto para coñecer de preto os traballos realizados polos participantes.
Ao remate da visita, o rexedor felicitou á asociación AMURUVA polo éxito da convocatoria e polo labor desenvolvido para converter esta cita nun referente cultural da comarca. Tamén agradeceu a presenza das asociacións participantes e da veciñanza que se achegou a compartir esta xornada de convivencia e tradición.
Luis Piña destacou igualmente a colaboración prestada polo comercio local e pola agrupación de Pandereteiras Santa Cristina de Valeixe, que amenizou a xornada coa súa actuación musical.
A actividade desenvolveuse en sesión de mañá e tarde. Tras a pausa para o xantar, a mostra retomouse ás 16:00 horas e prolongouse ata as 18:30, momento no que se celebrou o sorteo de 103 agasallos reunidos pola asociación organizadora ao longo dos últimos anos. Cada un dos premios incluía un detalle relacionado co encaixe de bolillos, como mostra da identidade e do traballo do grupo de palilleiras.
Ademais, no propio recinto instalouse un pulpeiro e servizo de cantina, onde se puxeron á venda distintas tapas e viños para todas aquelas persoas que quixeron quedar a compartir un momento de confraternidade e convivencia ao longo da xornada.
As asociacións participantes desprazáronse dende localidades como Vigo, Salvaterra, Tui, Mos, Sanxenxo, O Grove, Redondela, Arteixo e distintos concellos das provincias de POntevedra, Ourense e A Coruña.
A única mostra de encaixe de bolillos do Condado e da Paradanta
A Palillada de Valeixe é actualmente a única mostra de encaixe de bolillos que se celebra nas comarcas do Condado e da Paradanta. Dende a organización lembran que este tipo de encontros desapareceron practicamente da contorna nos últimos anos, o que converte esta iniciativa nun importante escaparate para a conservación e promoción dunha tradición artesanal profundamente vinculada á cultura galega.
A primeira edición desta mostra celebrouse na primavera de 2019 e, dende entón, o evento non deixou de medrar tanto en participación como en asistencia de público.
Galería multimedia