A unidade móbil da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Xunta de Galicia visitou A Caniza o pasado 19 de novembro
O Alcalde Luis Piña visitou a unidade móbil da OIAS ao Retorno da Xunta de Galicia, que se desprazou o 19 de novembro ata A Caniza para ofrecer en xornada matinal atención personalizada ás persoas retornadas e a aquelas que estean valorando regresar a Galicia.
Esta oficina itinerante, impulsada pola Secretaría Xeral da Emigración, ten como obxectivo facilitar a reintegración dos galegos e galegas do exterior, proporcionando orientación xurídica, social, laboral e administrativa directamente no territorio.
A unidade móbil estivo situada na rúa Oriente, 11, ao carón da Casa do Concello en horario de mañá, onde técnicos especializados atenderon consultas sobre axudas, documentación, homologación de títulos, acceso a servizos públicos como asistencia sanitaria, escolarización e formación, vivenda, orientación laboral e emprendemento e emprego, entre outras cuestións clave para o retorno.
O Alcalde Luis Piña destacou a importancia de achegar este tipo de recursos aos concellos do rural:
“Agradecemos esta iniciativa, que permite dar un apoio directo e próximo a quen está a retornar ou desexa volver á súa terra”
A visita desta unidade móbil forma parte dunha xira por distintos concellos galegos e responde á vontade de garantir un retorno ordenado, informado e acompañado, reforzando o vínculo entre Galicia e a súa diáspora.
A iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, coa que a Xunta de Galicia busca acompañar as persoas galegas do exterior que desexan regresar á súa terra, facilitando o acceso aos recursos e servizos necesarios para desenvolver aquí o seu proxecto de vida.