A senlleira «Fonte dos Dous Caños» estrea mobiliario da man dunha empresa de deseño 100% galego.
- A FONTE DOS DOUS CAÑOS ERA UNHA ANTIGA PARADA DE POSTAS PARA AS CARRUAXES, CONSTRUIDA NO ANO 1877, 14 ANOS DESPOIS DE QUE SE TRAZARA E CONSTRUIRA A ESTRADA VILLACASTIN – VIGO, HOXE N-120.
- ESTE EMBLEMÁTICO ESPAZO É UNHA DAS MÁIS ANTIGAS XOIAS DO PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO DO CASCO URBANO, MANDADO CONSTRUIR POLO ALCALDE FRANCISCO VIDAL Y OLIVARES.
A mediados de 2021 iniciouse o acondicionamento deste espazo histórico cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 5.950,64 euros para a súa recuperación e posta en valor.
Esta actuación, cun investimento total de 6.988,87 € foi unha aposta do actual Goberno pola recuperación do noso Patrimonio Histórico Cultural e tiña por obxectivo evitar a perda definitiva da identidade deste espazo que xa levou varias modificacións e a retirada de elementos orixinais como os abrevaderos para beber os cabalos que tiraban das carruaxes.
Para visibilizar e resaltar de noite o lugar se instalaron proxectores leds e para mellorar a súa accesibilidade realizouse un rebaixe no encontro do pavimento da beirarrúa co pavimento da Praza.
Hoxe rematamos a actuación coa dotación de mobiliario urbano. Dúas bancadas marca EDIGAL BAROA de 3 metros de ancho en estrutura de aceiro ao carbono e madeira de iroko con tratamento lasur e unha papeleira marca EDIGAL SELECTIVE en aceiro ao carbono cincado serigrafiado coa nova logo marca do Concello.
A empresa pontevedresa EDIGAL foi a adxudicataria do subministro destes elementos deseñados 100% en Galicia, por un importe de 3.296,04, financiados con fondos propios do Concello.