- Grazas á iniciativa desenvolvida polos profesores do Centro Escolar que organizaron o pasado 30 de xaneiro a VIII Carreira Solidaria do Día da Paz.
- Os alumnos de infantil e primaria, profesores, familias e alumnado de 2º da ESO que participaron o pasado martes nesta carreira, conseguiron recadar 1.500 kilos de alimentos e produtos de limpeza e hixiene persoal.
Segundo comunicou o Alcalde esta mañá, na visita ao CPI da Cañiza para recibir os alimentos da man da Directora Natalia Pernas, “estamos moi orgullosos deste Centro pola súa grande capacidade de resposta. Tamén polo traballo desenvolvido dende a dirección e o cadro de profesores para pór en marcha iniciativas desinteresadas como esta carreira solidaria, na que foron capaces de involucrar a toda a comunidade educativa, con especial atención ao alumnado e ás súas familias".
"Unha colaboración moi especial e solidaria para acadar produtos que terán como destino final o Almacén Solidario Municipal de Alimentos da Cañiza”, xestionado dende o Concello a través dos Servizos Sociais Comunitarios.
O alumnado, dende os máis pequenos ata moz@s de 2º da ESO, participaron voluntariamente nesta carreira que consistiu en dar cantas máis voltas mellor nun circuito deseñado para que todos os participantes poideran percorrelo sen problemas. Por cada volta conseguida, doaban un produto de alimentación, limpeza ou hixiene persoal.
O esforzo e xenerosidade de todos os participantes fixo posible que se recadasen máis de 1500 kilos de produtos.
Por este motivo, na visita ao CPI desta mañá, o Alcalde Luis Piña, acompañado da Directora do Centro, Natalia Pernas, felicitou e agradeceu a todas as familias e alumnado e ao profesorado do CPI da Cañiza ( especialmente aos profes de educación física de primaria e secundaria José Manuel Rodríguez Gómez, Yolanda Llorente Cuesta e Francisco Javier Barba) pola vontade posta na organización desta actividade.
Unha vez máis conseguimos entre todos fomentar a solidariedade e o traballo en equipo.
“O Almacén Solidario Municipal de Alimentos atende na actualidade a 38 familias incluidas nos programas de acción social municipal e está xestionado polos servizos sociais municipais que é quen tramita as altas e baixas así como a distribución dos lotes de alimentos ás familias, facilita e acondiciona os espazos onde se sitúa o almacén e vixía o cumprimento das normas hixiénico- sanitarias” comentou o Alcalde Luis Piña.