As rúas da Cañiza énchense de música e tradición galega

O pasado venres 18 de xullo, as rúas da Cañiza volveron cobrar vida coa forza e a emoción da música tradicional galega grazas á celebración dunha nova edición do Correbares e o Festival Folclórico, organizados pola Asociación Cultural As.Cul.Ca en colaboración co Concello.

O alcalde, Luis Piña, deu o pistoletazo de saída ao evento na Praza de Heriberto Fuertes, onde aproveitou para agradecer e felicitar á Asociación Cultural As.Cul.Ca pola organización, así como a todas as agrupacións participantes polo seu compromiso coa nosa música e cultura.

Desde as 20:00 ata as 22:30 horas, o ambiente nas rúas foi completamente festivo. Muiñeiras, xotas, pasodobres e rumbas resoaron por cada recuncho da Cañiza, interpretadas en directo polos grupos:

• Banda de Gaitas A Capela
• Banda de Gaitas A.C. Pontenova
• Grupo de Pandereteiras Os Furafollas de Oroso
• Grupo de Gaitas Santa Cristina de Valeixe

Durante o Correbares, os grupos percorreron distintos bares e espazos hostaleiros da vila, enchendo cada parada de son, baile e emoción. A veciñanza e visitantes gozaron da música en vivo nun ambiente próximo e participativo, recuperando a esencia das festas populares galegas.

A festa culminou co Festival Folclórico na Praza Maior, onde todas as agrupacións se xuntaron para ofrecer un espectáculo final conxunto que puxo o broche de ouro a unha tarde inesquecible.

Este evento forma parte da programación cultural do Verán de Lecer A Cañiza 2025, reafirmando o compromiso institucional coa cultura e a tradición durante os meses estivais.

Deixámosvos aquí algunhas imaxes desta noite de música, tradición e comunidade.