Reunión informativa sobre o cambio do topónimo do noso municipio: de A Cañiza a A Caniza

O sábado, 18 de outubro, ás 10:30 horas, celebrarase no Auditorio da Casa de Cultura unha reunión aberta á veciñanza na que se abordará o proceso de cambio do nome oficial do noso concello.

O encontro será presentado e moderado polo Alcalde da Cañiza, Luis Piña, e contará coa presenza de representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Real Academia Galega, entidades competentes en materia de toponimia e normalización lingüística, que explicarán os criterios lingüísticos, históricos e normativos manexados ata o de agora e que fundamentan a proposta de substituír o topónimo A Cañiza por A Caniza.

Será unha oportunidade para que todas as persoas interesadas poidan coñecer de primeira man a evolución deste proceso, informarse sobre os estudos realizados e formular preguntas ou achegas arredor dun tema de grande relevancia para a nosa identidade local.


Intervirán:

  • Luis Piña, Alcalde da Cañiza

  • Pola Secretaría Xeral de Política Lingüística: Valentín García, secretario xeral

  • Pola Real Academia Galega:

    • Antón Santamarina, membro da Academia e coordinador do Seminario de Onomástica

    • Ana Boullón, secretaria da Academia e membro do Seminario de Onomástica

    • Gonzalo Navaza, membro da Academia e do Seminario de Onomástica


Lugar: Auditorio da Casa de Cultura
Data e hora: Sábado, 18 de outubro, ás 10:30 h