Rematan as obras de renovación da área de lecer da Carballeira do Cacharado

  • Así o comunicou o Alcalde da Caniza tras a visita realizada esta mañá ás novas instalacións, que quedan abertas ao uso público dende esta tarde, tras a retirada do valado de obra.


  • Luis Piña, que estivo acompañado na visita pola Concelleira de Goberno Eva María Rivas, pola directora da obra María del Carmen Martínez e polo xefe de obra da empresa adxudicataria, destacou a importancia desta actuación para modernizar e poñer en valor un dos espazos con máis tradición e historia do municipio, mellorando a seguridade, a accesibilidade e a calidade dos servizos públicos.


  • O Alcalde tamén informou de que os aparellos da área de saúde para persoas maiores, que tiveron que ser retirados durante a execución das obras, serán repostos por novos equipamentos nunha localización adecuada dentro da contorna do parque.

     

A actuación na Carballeira do Cacharado contemplou a creación dunha nova área lúdica inclusiva, deseñada para facilitar o desfrute de nenos e nenas de diferentes idades e capacidades.

A zona infantil conta cunha superficie de 205 metros cadrados e dispón dun pavimento de seguridade de alta absorción de impactos, instalado sobre unha base estabilizada, que mellora a protección fronte ás caídas.

O novo espazo combina áreas destinadas ao xogo activo con outras zonas máis tranquilas e incorpora diferentes elementos pensados para favorecer o xogo, a psicomotricidade e a interacción entre os máis pequenos.

Entre os equipamentos instalados inclúense randeeiras individuais e colectivas tipo “niño”, un carrusel adaptado, un areeiro con elementos naturais, xogos de equilibrio e relevos no terreo, así como unha estrutura central formada por dúas torres con tobogáns, elementos de escalada e paneis lúdicos.

Para reforzar a seguridade, a zona infantil dispón tamén dunha varanda perimetral, tendo en conta a proximidade do tráfico rodado.

A actuación complétase coa habilitación dunha zona deportiva de 117 metros cadrados no actual parque acoutado.

Este novo espazo conta con dúas canastras situadas a diferentes alturas e un peche deportivo parcial, ampliando así as posibilidades de uso da contorna para a práctica de actividade física e deportiva.

 

O orzamento base de licitación da obra ascendeu a 169.436,83 euros, IVE incluído.

A actuación foi adxudicada á empresa Construcciones y Almacenes M. Viso e Hijos, S.L. por un importe de 169.279,00 euros, IVE incluído, distribuído do seguinte xeito:

  • Presuposto de Execución Material (PEM): 117.563,03 €
  • Gastos xerais (13 %): 15.283,19 €
  • Beneficio industrial (6 %): 7.053,78 €
  • IVE (21 %): 29.379,00 €

· Dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde: 6.231,50 €

TOTAL do investimento: 175.510,50 euros, financiados a través das seguintes achegas:

  • Deputación de Pontevedra – Plan +Provincia: 60.428,44 €
  • Xunta de Galicia – AGADER: 35.000,00 €
  • Concello da Cañiza – fondos propios: 80.082,06 €
  • A maiores, a redacción do proxecto, cun custo de 4.477,00 euros, IVE incluído, foi financiada integramente con fondos propios.

En declaracións do Alcalde tras a visita “con esta actuación, o Concello completa a renovación deste espazo de referencia para as veciñas e veciños da Caniza, reforzando o seu carácter como lugar de encontro, convivencia e lecer para persoas de todas as idades”.