Recuperación da «CITANIA CASTREXA DAS GRADES». No Pleno deste 20 de decembro, a Corporación acordará a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos deste gran asentamento fortificado

 

  • Un proxecto que se contratou a finais de febreiro e no que se tiveron en conta todos os acordos acadados tras as 3 reunións que o Alcalde Luis Piña mantivo cos propietarios das parcelas que maioritariamente estaban a favor da recuperación deste gran xacemento arqueolóxico de  113.446.00 m2 de terreo forestal divididas en 43 parcelas.
  • Este proxecto de expropiación tivo que iniciarse obrigatoriamente e a pesares de que a maioría dos propietarios eran favorables á cesión dos terreos.
  • Debido a que os títulos de propiedade de moitas parcelas todavía están rexistradas a nome de antepasados, para acelerar os trámites de cambio de titularidade a favor do Concello, foi preciso iniciar a expropiación por ser o mecanismo máis axeitado e rápido para desatascar a actuación.
  • Os costes desta operación ascenden a 158.365,92 . Cantidade que o Concello xa ten disponible grazas a sinatura dun préstamo.
  • Tras a aprobación inicial do proxecto de expropiación dos terreos, o expediente continuará coa exposición pública, depósito das cantidades acordadas na Conta de Expropiacións e finalmente recepción e sinatura da Acta de Ocupación.
  • A partires deste momento o Concello poderá iniciar os traballos de recuperación desta grande fortificación castrexa  que suporá para A Cañiza sacar á luz un importante e senlleiro patrimonio cultural, rexenerar ambientalmente a contorna e engadir un novo activo á oferta turística do Concello e mesmo da Comarca, con capacidade para atraer visitantes e turistas e reactivar a economía local.
  • Os terreos abarcan 11,3 hectáreas de Cidade chegando ata as fronteiras naturais que neste caso é o cauce do río.

 

Para o Alcalde Luis Piña a «Recuperación dos Castros da Cidade de Achas e A Cerquiña  é  unha das actuacións máis importantes deste mandato. Un compromiso adquirido cando tomei posesión como Alcalde, que agora, despois de case 10 meses de tramitación, da os seus frutos: poder expropiar os terreos, seguindo o procedemento adecuado e co consenso e favor de case todos os propietarios»

Continúa manifestando o Alcalde «é unha honra poder sacar adiante este proxecto histórico, cultural e patrimonial que estivo encima da Mesa das distintas Alcaldías durante anos, pero que é agora cando se vai desenvolver»

 

PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOS CASTROS CIDADE DE ACHAS E A CERQUIÑA

Trátase de 2 asentamentos fortificados, o Grande Castro da Cidade das Achas e o Castro da Cerquiña que destacan polo seu imponente sistema defensivo, dotado de grandes parapetos e murallas, como se recolle en varias memorias e anteproxectos que o Concello da Cañiza xa ten ao seu dispor .

Unhas actuacións que teñen por obxecto documentar os restos arqueolóxicos existentes no castro da Cidade e divulgalos entre os veciños mediante charlas, visitas e obradoiros, fornecendo un recurso patrimonial e turístico, visitable no noso Concello.

Esta actuación contempla tamén a creación dunha imaxe e nome para o proxecto de divulgación arqueolóxica, cun logo exclusivo e forte presencia nas redes sociais e prensa.

Inclúe charlas divulgativas previas á intervención, co obxectivo de concienciar aos veciños e implicalos no proxecto; o desbroce do xacemento e corta de especies arbóreas, principalmente eucaliptos, que non permiten contemplar o tamaño e grande dimensión do xacemento e por último unha importante intervención arqueolóxica co obxectivo de cubrir un mínimo de 8 sondaxes de 2x2 metros polos puntos de maior potencialidade arqueolóxica.

Co obxectivo de constatar restos arqueolóxicos, a intervención estará aberta ao público e divulgada mediante visitas puntuais.

 

A RECUPERACIÓN DAS CITANIAS PERMITIRÁ COMPLETAR E MELLORAR A NOSA OFERTA TURÍSTICA

Será unha intervención de gran valor para o turismo non so da Cañiza senon tamén da comarca que axudará a fortalecer a cohesión territorial da zona da Paradanta e por suposto axudará A Cañiza a mellorar o seu abanico e competitividade turística.

Ademáis esta actuación axudará a poñer freo á pérdida da biodiversidade xa que o estado de abandono no que se atopa e a falta de uso das parcelas propiciou a ocupación da superficie por especies invasoras, danando a biodiversidade autóctona deste paraxe.

Con esta actuación conseguiremos recuperar a memoria da nosa orixe como Comunidade e os inicios da nosa cultura e Pobo e poñelos en valor a través da divulgación e visitas turísticas que tamén axudarán a crear riqueza impulsando a economía local.