Recoñecemento oficial á estación meteorolóxica da AEMET, situada no recinto escolar do CPI da Cañiza, tras 25 anos de colaboración na recollida de parámetros meteorolóxicos

 

  • O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada e o Alcalde Luis Piña, acompañados da directora do Centro, Natalia Pernas e dos Concelleiros Rubén Muíños e Eva María Rivas, visitaron esta mañá a estación meteorolóxica da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) situada no recinto escolar do CPI da Cañiza, para felicitar ao centro pola súa axuda a este organismo estatal e tamén para agradecer o labor de formación que realiza entre o seu alumnado no relativo á recollida de datos e variables sobre o tempo.

Losada explicou que o centro vén de recibir un recoñecemento oficial por parte da Delegación do Goberno e da Delegación en Galicia da AEMET despois de 25 anos colaborando na recollida de parámetros meteorolóxicos.

A estación está situada na parcela do instituto de Ensino Secundario e conta con modernos aparellos de recollida de datos que se supervisan periodicamente, aínda que ao tratarse dunha instalación moderna envía os datos de xeito telemático.

O subdelegado aproveitou a visita á estación meteorolóxica para examinar tamén o funcionamento doutra pequena estación, que o colexio ten situada nun patio, e na que o propio alumnado é o encargado de anotar os parámetros de vento, choiva, temperatura e humidade.