Recibimos no Concello a II parte da historia da Igrexa de Luneda da man do seu autor, Luis Manuel González Piñeiro, cura párroco de Santa María de Luneda

  • Un novo traballo editado para a revista de estudos tudenses «Castelum  Tide» e que ven a completar o primeiro artigo titulado «SANTA MARÍA DE LUNEDA»:EVOLUCIÓN ARQUITECTÓNICA DE UNA IGLESIA SANJUANISTA S.XVI-XXI, publicada pola revista na súa edición nº 7 de novembro de 2021.
  • Trátase dun artigo, en edición libro breve, no que se resume toda a historia e evolución que experimentou esta Igrexa dende a década de 1960 ata o ano 2019.
  • Croquis e planos de planta, relación de pequenas reformas e os prezos das mesmas así como detalles destes encargos aparecen neste novo artigo no que tamén destaca o punto 7 do APENDICE. Neste apartado podemos visualizar todos os cambios estruturais que experimentou a Igrexa dende o ano 1.715 ata 1.926.
  • Esta mañá o Alcalde Luis Piña comprometeuse a achegar estos exemplares aos centros de ensino da Cañiza. Tamén entrarán a formar parte dos fondos bibliográficos do Concello para que calquera veciñ@ poida consultalos.

O Alcalde recibiu esta mañá a Luís Manuel González Piñeiro, Cura Párroco de Santa María de Luneda, para recoller e coñecer o 2º artigo escrito sobre  a Igrexa de Luneda, baixo o título «Santa María de Luneda. historia dunha iglesia Sanjuanista. S. XVI-XXI. PARTE II».

Este traballo ven a completar o primeiro artigo publicado a finais de 2021 e que se presentou tamén na Alcaldía o pasado 4 de febreiro de 2022. Unha pequena pero intensa obra, impresa agora polo autor en formato libro, que «é o resultado dun traballo de investigación, iniciado o 25 de agosto de 2019, sobre a parroquia de  Luneda coa intención de que non quede no esquecemento a moita historia do seu rural e non se perdan os acontecementos da súa memoria popular»

O Alcalde Luís Piña agradeceu o xesto de Luís M. González de compartir e regalar varios exemplares ao Consistorio e felicitouno por este excelente e documentado traballo de investigación.

En palabras de González Piñeiro «todo comezou por mor de querer realizar unha listaxe de todos os curas que atenderon  a parroquia de  Luneda ao longo da historia, o que se coñece como  Presbiterologio  Lunedense, desde o ano 1640 en que se empezan a ter datos sobre a parroquia ata hoxe».

A segunda motivación foi unha Cruz labrada cunha inscrición situada no Presbiterio e que preside este lugar desde  hai máis de 300 anos. Unha Cruz símbolo da Orde de Malta, ou de San Juan de Malta, ou de San Juan de Jerusalen, nomes cos que se coñecen a este Instituto relixioso militar que tivo o seu auxe en España durante a época medieval da Reconquista. Este dato foi o acicate para que o autor deste libro quixese coñecer máis a fondo a historia de  Luneda e a súa relación coa Orde de Malta.

A partir deste intre inicia unha viaxe pola historia da parroquia consultando fontes nos Arquivos Diocesanos e tamén nos propios Arquivos Parroquiais.

Unha investigación que recupera do esquecemento innumerables historias e acontecementos que agora todos poderemos coñecer a través das páxinas deste II artigo.  

Segundo conclúe o seu autor nesta nova achega literaria agora podemos dar resposta á pregunta ¿de qué ano é a Igrexa de Santa María de Luneda?”. Unha resposta que alberga máis de 300 anos de historia, escrita en moitos documentos que recollen a testemuña das diferentes reformas que experimentou”.