
- Tras gañar a Medalla de Bronce coa Selección Galega Infantil Masculina, no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) celebrado nas localidades catalanas de Blanes, Lloret de Mar, Calella, Malgrat de Mar, Mataró e Pineda de Mar, do 2 ao 7 de xaneiro de 2025.
Todo un mérito que o pasado venres recoñeceuse dende o Concello da Cañiza, nun acto oficial celebrado no Salón de Plenos da Casa Consistorial, ás 19.30h.
O Alcalde Luis Piña recibiu ao xogador Sergio Costas tras o éxito acadado no campionato CESA, no que a Selección Galega conseguiu quedar clasificada en 3ª posición.
Nesta recepción, na que tamén estiveron presentes os familiares, adestradores, xogadores do seu equipo no Club Balonmán Cañiza e o cuadro directivo do Club, ademáis de veciños e afecionados, o Alcalde entregoulle a esta xove promesa cañicense unha medalla do Concello en agradecemento e recoñecemento ao esforzo e mérito deportivo amosado co seu traballo e tamén por dar visibilidade ao Municipio da Cañiza.
Neste acto o Alcalde lle transmitiu a noraboa de toda a veciñanza xa que “esta Medalla é ademáis dun logro deportivo persoal, un premio para o deporte da Cañiza, especialmente para o balonmán”.
Sergio Costas, de 13 anos de idade, é unha xove promesa da canteira do Club Balonmán Cañiza, club de élite do Concello da Cañiza, que leva xogando no CBC dende os 6 anos, actualmente na categoría infantil como lateral ou extremo dereito.
O Alcalde pechou o acto mencionando que, “nestes días Sergio foi convocado pola Real Federación Española de Balonmano para participar nunhas xornadas de tecnificación que se desenvolverán do 20 ao 27 de febreiro no Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada en Granada”.
Noraboa Sergio e moita sorte na túa traxectoria deportiva!


