Presentamos a 31 edición do «CURRO DO PEDROSO 2025» que volverá a celebrarse na Cañiza o domingo 10 de agosto

Unha celebración organizada pola Asociación Cabalar Pedroso do Ribadil, no monte que lle da nome, coa colaboración do Concello da Cañiza.

O Alcalde Luis Piña e os organizadores inauguraron a festa popular galega cun emotivo acto de izado de bandeira no Pedroso.

O sábado 24 de maio, o Alcalde Luis Piña e os organizadores da tradicional festa popular galega deron inicio oficial á celebración cun acto simbólico de izado da bandeira no Pedroso, a 1.073 metros de altitude.

A xornada comezou ás 11:00 horas na centenaria Carballeira do Cacharado, coa participación de Bruxo Queiman como mestre de cerimonias. O acto incluíu o recibimento da comitiva de cabaleiros e asistentes por parte do Alcalde, quen entregou de maneira simbólica a bandeira de Galicia ao presidente da Asociación Cabalar, Pablo Álvarez, responsable un ano máis de velar pola conservación destas tradicións. Así mesmo, fíxose entrega da bandeira da Cañiza a Samuel Fidalgo.

Durante esta xornada inaugural tamén se realizou a tradicional entrega do "Ferro", símbolo histórico ligado ao Curro, que representa tanto a identidade como a propiedade do gando. Este ano, a substitución xeracional materializouse coa entrega do ferro por parte de José López ao seu fillo Javier López.

En continuidade co programa da edición anterior, o Alcalde e o presidente da Asociación Cabalar realizaron unha ofrenda floral ao Cristo da Cañiza, no Cruceiro do Cacharado, reforzando o vínculo entre tradición e devoción.

O acto culminou nos Montes do Pedroso, co izado das bandeiras a máis de mil metros de altitude e unha comida campestre no merendero do Piñeiral, nun ambiente de convivencia e orgullo cultural.

 

O Curro do Pedroso

O Curro do Pedroso: tradición, natureza e festa o próximo 10 de agosto

Cañicenses e visitantes terán a oportunidade de gozar, o próximo 10 de agosto, dunha xornada única con motivo do tradicional Curro do Pedroso, unha celebración onde se combina a cultura popular, a natureza e o coidado do gando.

Durante este evento, os asistentes serán testemuñas da baixada do gando salvaxe desde as montañas ata o curro, onde se procederá ao seu saneamento veterinario e colocación de microchips. Unha actividade que, ademais da súa importancia sanitaria, constitúe todo un espectáculo de bravura e colorido, propio do patrimonio rural galego.

A xornada será, como destacan os seus organizadores, "enxebre": non faltará a boa gastronomía, a música tradicional galega e múltiples sorpresas que farán deste día unha inesquecible romaría popular.

O Alcalde Luis Piña felicitou á directiva da Asociación Cabalar, aos veciños, veciñas e colaboradores, pola súa implicación en recuperar esta festa nada en 1994 co obxectivo de sanear e identificar os animais. “É unha xornada na que se funde o enxebrismo do mundo animal coa natureza, converténdose nun día de romaría para todos”, destacou o rexedor.

A celebración comezará ás 7:00 da mañá, coa subida ao curro, a coordinación dos equipos e a saída en busca dos rabaños. A partir de aí, desenvolverase un programa intenso que se prolongará ata a noite, combinando tradición e celebración.

O Curro do Pedroso é de fácil acceso. Chégase por un ramal da estrada N-120 Vigo–Logroño, próximo aos edificios Rebeca. Aínda que parte do traxecto realízase por camiños de terra, estes atópanse en boas condicións.

Podedes ampliar esta información con imaxes e vídeos no facebook do Curro do Pedroso a través do enlace: https://www.facebook.com/currodopedroso