Os Alcaldes da Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Melón anunciaron esta mañá a renovación do servizo de “Atención Temperá para nenas e nenos de 0 a 6 anos e as súas familias”

  • Un Servizo posto en marcha o 1 de agosto de 2022, a través dun convenio de colaboración entre os 5 Concellos, subvencionado con  253.794,60€ pola Consellería de Política Social da Xunta, que permitiu, de forma agrupada e baixo a coordinación do Concello da Cañiza, compartir o Servizo e desenvolver un dos programas máis importantes e prioritarios dos servizos sociais: a atención psicosocial e familiar vinculado á atención temperá. Esta axuda financiou o 100% das horas solicitadas.
  • Esta mañá os 5 Alcaldes volveron a reunirse para valorar a Memoria final do Programa dende 2022 a 2024 e para anunciar a renovación do servizo tras a notificación por parte da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia da concesión dunha subvención de 281.466,90€ para o período 2024-2026. 27.672,30€ máis que no programa anterior que permitirán garantir a mellora económica do servizo, estabilizar o equipo de profesionais e sufragar os gastos derivados do funcionamento das 3 sedes nas que se traballa actualmente.
  • Unha gran noticia, como así sinalaron os 5 Alcaldes, que permitirá continuar con este programa fundamental e clave, basado nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

 

Os Alcaldes reuníronse esta mañá para valorar a Memoria final do período 2022-2024 que finaliza este mes de novembro e que permitiu poñer en marcha este programa clave para os nenos. Un programa que ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Segundo se recolle na Memoria presentada pola empresa ACEESCA, encargada de desenvolver o programa neste período, realizáronse un total de 69 intervencións nas tres sedes que conforman o Servizo: A sede de Mondariz ( con enderezo no 1º andar  do Centro Social)  que deu cobertura a Mondariz e Mondariz Balneario, os luns e martes ( en xornada completa de mañá e tarde). A sede de Covelo, no Centro de Saúde de Maceira, que deba cobertura o mércores en xornada de mañá e tarde e a sede da Cañiza, que deu cobertura á Cañiza e Melón, os xoves e venres tamén en xornada completa de mañá e tarde, con enderezo no 1º andar do Edificio Multiusos da rúa Progreso 21.

Actualmente o número de beneficiarios é de 47 entre os 5 Concellos.

Os profesionais que formaron parte deste equipo desenvolveron o programa con valoracións e atención de situacións de risco para o desenvolvemento do neno. Valoracións para intervir nas dificultades  de desenvolvemento: psicomotriz, cognitivo, comunicativo e adaptativo social. Tratamento individual e específico para cada neno e familia. Colaboración e asesoramento técnico coas entidades sanitarias, sociais e educativas para a integración dos nenos.

Outro aspecto importante do programa foi a divulgación e información facilitada nos ámbitos sanitarios, educativos e sociais, sobre a importancia da detección, prevención e intervención precoz nos trastornos de desenvolvemento.

A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.

Para acceder ao servizo os nenos e nenas deben ser derivados polos pediatras de referencia.