- Un proxecto de dixitalización que o Concello da Cañiza liderou e presentou xunto cos Concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e os ourensáns do Carballiño, Maside e Melón para a mellora da xestión e planificación hidrolóxica e polo tanto do ciclo da auga.
- Abel Losada felicitou ao Alcalde por ter conseguido captar esta subvención de case 5 millóns de €uros aos que á Cañiza lle corresponden 1.499.896,36.
- Dende A Cañiza se conseguiu captar unha achega de 4.811.115 de euros ao quedar o proxecto entre os mellores puntuados de toda España.
- Luis Piña afirmou que esta achega estatal “é un paso fundamental para garantir a sustentabilidade e a eficiencia da rede de abastecemento de auga de cara o futuro na Cañiza”
Abel Losada visitou hoxe o Concello da Cañiza, que lidera unha das dúas subvencións que a provincia de Pontevedra vén de conseguir na segunda convocatoria do PERTE da auga para dixitalización de servizos hidrolóxicos municipais.
O proxecto permitirá a dixitalización integral do ciclo da auga nos concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz-Balneario e os ourensáns do Carballiño, Maside e Melón.
Co gallo desta aportación gobernamental, Abel Losada mantivo un encontro co Alcalde, Luis Piña, e destacou a súa capacidade de liderazgo para sacar adiante este ambicioso proxecto. O subdelegado aplaudiu a coraxe do Alcalde.
PROXECTO DO PERTE DA AUGA
As principais accións que se levarán a cabo coa achega gobernamental son actuacións de planificación e estudo dos recursos hidrolóxicos, de dixitalización de todo o ciclo urbano da auga -desde as captacións ata os puntos de vertedura-, e actuacións para a xestión da información mediante a elaboración dun sitio web centralizado para o análise e control de todos os dispositivos instalados e outro sitio informativo.
O novo sistema permitirá, entre outras cousas, monitorizar o consumo ou as posibles perdas da rede en tempo real. Así mesmo, todas as actuacións están concibidas e planificadas dun xeito integral, cubrindo as necesidades particulares de cada concello, mellorando a sustentabilidade ambiental, nun escenario no que as secas aparecen como unha ameaza, e fortalecendo a eficiencia do sistema hídrico da comarca.
Luis Piña subliñou que a achega de 1.499.896,36 euros que recibirá o municipio da Cañiza no marco deste proxecto será fundamental para avanzar na modernización das redes de auga potable do concello, un dos principais obxectivos da localidade. O alcalde afirmou que esta achega estatal “é un paso moi importante para garantir a sustentabilidade e a eficiencia da rede de abastecemento de auga de cara o futuro”, lembrando que A Cañiza é un concello situado a unha altura importante “polo que dependemos dos pozos no verán”.
Non obstante, entende que “a monitorización e as medicións en tempo real da rede de abastecemento permitirannos planificar mellor e con moita máis precisión as necesidades, de modo que este PERTE é unha aposta de futuro para que a capital da Paradanta conte cunha rede de abastecemento moderna, sostible e eficiente en beneficio da veciñanza e do medio ambiente”.
Abel Losada celebrou os 12,6 millóns de euros outorgados polo Goberno aos concellos da provincia de Pontevedra nas dúas convocatorias do PERTE da Auga, dos que máis de 9,5 millóns de euros corresponden á segunda convocatoria, da que se veñen de beneficiar o grupo de concellos liderado pola Cañiza e o consorcio do Louro.
A achega que vén de conseguir o Consorcio do Louro (O Porriño, Mos, Salceda e Tui) supuxo outros 4.719.912 de euros destes fondos repartidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO).
Abel Losada recalcou a oportunidade que supón o PERTE da Auga para os concellos da provincia de Pontevedra, xa que permitirá modernizar as súas redes, cunhas subvencións que supoñen unha importante achega de fondos que se reparten con criterios obxectivos.