O Salón de Plenos acolleu unha charla informativa sobre o Plan Hidrolóxico Miño-Sil 2028-2033 dirixida ás comunidades de traídas de auga.

O pasado venres 27 de febreiro celebrouse unha sesión informativa organizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en colaboración co Concello, que reuniu a máis de 50 representantes de comunidades de traídas de auga do municipio.

A sesión estivo centrada principalmente nos aspectos relacionados co abastecemento de auga á poboación, un dos elementos clave da planificación hidrolóxica para os próximos anos.

A primeira intervención correu a cargo de Carlos Guillermo Ruiz del Portal Florido, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS, quen explicou os principais contidos e obxectivos do Plan Hidrolóxico Miño-Sil 2028-2033, detallando as liñas de planificación e xestión dos recursos hídricos previstas para o futuro.

Posteriormente interveu Agustín Sevilla Briceño, xefe da Área de Plans e Estudos da CHMS, que afondou nos problemas que afectan ás comunidades de traídas de auga, abordando especialmente cuestións relacionadas coas augas privativas e coas dificultades ás que se enfrontan estas pequenas comunidades de usuarios na xestión diaria dos seus sistemas de abastecemento.

A sesión foi moderada polo Alcalde Luis Piña, quen na súa intervención destacou as diferentes actuacións que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está a desenvolver no municipio, determinantes para avanzar na solución dalgúns dos problemas de depuración existentes.

Neste sentido, explicou que no caso da EDAR de Valeixe, a instalación non está preparada para asumir a carga que recibe na actualidade, polo que a Confederación está a executar a construción dunha nova estación depuradora. Pola súa parte, na EDAR urbana da Cañiza estanse a levar a cabo actuacións para mellorar as conducións e corrixir diversas deficiencias do sistema, co obxectivo de optimizar o funcionamento da depuración.

Estas actuacións forman parte dun convenio de colaboración asinado o 23 de marzo de 2023 entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello, que permite impulsar a mellora do saneamento e da depuración no municipio. A primeira fase deste plan conta cun investimento de 1.307.910,32 euros e xorde tras as reunións mantidas entre ambas administracións desde o ano 2019 para analizar a situación do sistema de saneamento da Cañiza e buscar solucións aos problemas históricos de depuración e colectores que vén arrastrando o municipio.

Durante a súa intervención, o alcalde tamén se comprometeu a facer chegar á Confederación Miño-Sil algunhas das preguntas formuladas durante a charla, co obxectivo de obter respostas máis concretas para as comunidades de usuarios.

Ademais, ofreceuse como mediador entre as traídas e o organismo de conca, así como a impulsar a organización dunha segunda xornada informativa, centrada de maneira máis específica nos problemas do día a día que afectan ás traídas de auga do municipio.

O Alcalde pechou a xornada agradecendo a asistencia dos representantes das traídas e a presenza dos técnicos da CHMSIL.