O proxecto de CONSTRUCCIÓN DO NOVO APARCAMENTO do casco urbano, entrará no Concello nas vindeiras semanas.

O Concello xa dispón do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para esta actuación.

  • O paso inicial require un plan especial de infraestructuras e dotacións (PEID).
  • O proxecto contempla a recuperación paisaxística destes terreos entre vexetación autóctona.

 

O pasado 11 de decembro de 2022 o Alcalde Luis Piña anunciou que se iniciaba o proxecto de expropiación e recuperación paisaxística dun novo estacionamento no lugar denominado «Chan de Lourido», unha zona arborada de máis de 9.000 m2 situada no lugar do Regueiro, na subida que conduce á Casa de Cultura.

Esta actuación nace para dar resposta ás necesidades da veciñanza e dos visitantes de dotar ao núcleo urbano dun espazo máis amplo para aparcamento, co obxectivo de mellorar o benestar dos veciños e ofrecer uns servizos obrigatorios de calidade, sen comprometer outras actuacións de desenvolvemento urbanístico como será a urbanización e humanización da Rúa do Regueiro. Zona que na actualidade acolle gran cantidade de vehículos.

Para realizar esta actuación o primeiro paso é realizar unha expropiación dos terreos necesarios, para o que o Concello xa dispón do proxecto pero que require un plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que modifique o Plan Xeral de ordenación Municipal (PXOM) aprobado o 27/06/2003, que recolle estes terreos como “solo urbanizable non delimitado”.  Este PEID tramitarase seguindo os pasos que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

En paralelo a isto, o Concello encargou a redacción do proxecto para o novo aparcamento, que se levará a cabo no momento no que se culmine a expropiación e se obteñan os fondos necesarios.  Dispor do proxecto é fundamental para optar á financiación necesaria no momento no que se presente a oportunidade de obter subvencións doutra administración.

Video file

 

O proxecto atópase nas últimas fases de redacción.

Contempla crear unha zona de aparcamento entre vexetación autóctona.

O aparcamento articularase en 4 plataformas que discorren na parcela salvando os desniveis, coa circulación dos vehículos e dos peóns entre as zonas verdes.

Contará con accesos dende as rúas Álvaro Cunqueiro e rúa Regueiro, con 160 prazas integradas nun espazo natural, no que se estima a plantación de 200 árbores autóctonas.

Todo o conxunto de superficies serán drenantes, de fácil mantemento e durabilidade.

O deseño deste aparcamento está pensado na mesma liña que marca o plan Ágora da Deputación de Pontevedra, ao que o Concello se atopa adherido, que entende os espazos públicos mais amables co cidadán e integrados na natureza.