O Pleno do Concello da Cañiza abordará a ampliación da xornada do arquitecto técnico municipal para reforzar o Departamento de Urbanismo

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que a Corporación celebrará este venres 30 de maio a súa 7ª sesión plenaria, na que se tratará como punto destacado da orde do día a modificación contractual da praza de arquitecto técnico, co obxectivo de reforzar o funcionamento do Departamento de Urbanismo.

Actualmente, este posto figura na plantilla de persoal como laboral fixo a tempo parcial cunha dedicación de 16,5 horas semanais.

A evolución e crecente complexidade das tarefas propias deste servizo municipal – derivadas da normativa urbanística, protocolos administrativos, procesos de dixitalización e aumento de solicitudes tanto por parte de particulares como de empresas e do propio Concello – están a xerar unha elevada carga de traballo que ralentiza a xestión diaria e provoca a acumulación de expedientes.

Ante esta situación, e co fin de garantir unha resposta máis áxil e eficaz, proponse incrementar temporalmente a xornada laboral do arquitecto técnico en 7 horas semanais, alcanzando así un total de 23,5 horas. Esta medida aplicaríase por un período inicial dun ano, durante o cal se avaliará a súa operatividade.

Para facer efectiva esta modificación contractual será necesario aprobar unha modificación puntual da Plantilla de Persoal, que se someterá a votación no pleno de mañá.

Dende o Concello, considérase esta actuación como unha resposta urxente e necesaria para garantir a continuidade e calidade dos servizos que presta o Departamento de Urbanismo, nun contexto de crecente demanda e complexidade administrativa.