O Pleno do Concello celebrou este 28 de setembro a súa Sesión Ordinaria para aprobar os festivos locais para 2024 e 3 convenios coa Deputación Provincial
Todos os acordos se aprobaron por unanimidade da Corporación
Ás 9.00h celebrouse a sesión plenaria de carácter ordinario na que, na súa parte resolutiva, se fixaron os festivos locais para 2024, establecendo como tales os días 20 de maio (Romaría das Pascuillas) e o 15 de outubro ( Santa Teresa).
Ademáis aprobouse un Convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para desenvolver varias actuacións encamiñadas a continuar transformando dixitalmente e modernizando a administración local. Un convenio dirixido aos Concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes, enmarcado nas liñas de fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Tamén se aprobou o Convenio coa Deputación Provincial para levar a cabo no Concello o proxecto “iluminación Exterior Sostible XV. Instalacións de alumeado público eficiente e intelixente”. Un proxecto financiado a través das axudas do IDAE do Ministerio de Reto Demográfico (Programa DUS 5000). O Proxecto contempla actuacións en 109 luminarias das 1993 totais existentes en todo o Concello, substituíndo 93 luminarias por novas de tecnoloxía LED. Actuacións en 7 cadros de mando, os cales van ser reformados para adaptalos á normativa vixente e instalación dun sistema de tele xestión nos cadros de mando que permitirá obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos. Con esta actuación disminuirase a potencia de 58,12 kW a 30,68 kW.
Sobre este tema o Alcalde apuntou esta mañá que “levamos traballando nesta actuación, que agora comeza a visibilizarse, dende finais do ano 2019”. Unha actuación cun investimento de 117.862,03€, dos que o IDAE subvenciona o 85%, un total de 100.182,72€, a Deputación o 8%, aportando un total de 9.428,96€ e o Concello o 7%, un total de 8.250,35€,.
Obras de “RECUPERACIÓN DO ENTORNO DA ANTIGA PONTE DAS ACHAS”.
Noutro punto da Orde do Día acordouse a aprobación dunha 1ª Addenda ao Convenio de colaboración entre a Deputación e o noso Concello para a execución do Proxecto de recuperación do entorno da antiga Ponte das Achas. A cláusula novena deste convenio establece que a vixencia do mesmo se extende ata o 31 de decembro de 2023, sendo prorrogable coa conformidade expresa das dúas partes. Entendendo que na actualidade estas obras non poderán rematarse nesta data, a través da sinatura desta Addenda, prorrógase a entrega ao uso público no prazo de vixencia ata decembro de 2024.
Unha vez rematadas as obras, todo o tramo reformado de viais, beirarrúas e a propia Ponte de Achas pasará a titularidade municipal, pasando a formar parte do noso Inventario de Bens.
As obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a Ponte, conta cun orzamento de 411.015,58 euros, dos que a Deputación achega o 70% , 287.710,91 €, e o Concello o 30% restante, 123.304,67, en dúas anualidades.