O Pleno deste xoves acordará a aprobación do Convenio coa Deputación para a mellora da eficiencia enerxética das depuradoras e depositos de auga

Esta actuación medioambiental está liderada pola Deputación Provincial que será a que xestione todo o procedemento

O CONCELLO LEVA AO PLENO DESTE XOVES 27 DE XANEIRO A APROBACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN COA DEPUTACIÓN PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA De 2 DEPURADORAS, 1 ESTACIÓN DE BOMBEO E 2 DEPOSITOS DE AUGA MUNICIPAIS

 

  • A sinatura deste convenio ten como obxectivo mellorar os sistemas eléctricos das depuradoras de Achas e de Valeixe, da estación de bombeo de augas residuais de Tallós- Valeixe  e dos depósitos de cabeceira da traída de augas municipal de Portoaugavella e Augas Férreas de cara a minimizar o impacto ambiental destes servizos municipais.
  • Conta cun investimento de 130.417,15€ dos que o Goberno de España a través do IDAE  financia o 80%, un total de 104.333,71€.  O 20% restante estará sufragado pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 10.000 €uros e a aportación do Concello que terá que financiar un total de 16.083,44 €uros con cargo a fondos propios.
  • «Esta obra supón unha mellora en materia de medioambiente necesaria para disminuir a achega de CO2 á atmósfera, abaratar os costes enerxéticos das instalacións municipais  e rentabilizar os equipos eléctricos». Así o comunicou esta mañá o Alcalde da Cañiza Luis Piña.

 

A Cañiza. 26 de xaneiro de 2022

Este 27 de xaneiro o Pleno do Concello da Cañiza, en sesión ordinaria, acordará a aprobación da sinatura dun Convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para levar a cabo as actuacións recollidas no proxecto IDAE NÚM. FEDER-EELL-2020-004631 “SISTEMAS SOSTIBLES DE XESTIÓN DE AUGAS I. Un proxecto no que ademáis do Concello da Cañiza está incluido o concello de Barro, O Grove, Marín, Meis, Nigrán, Ponteareas e Pontecesures.

O proxecto contempla actuacións de mellora da eficiencia enerxética nos sitemas de depuración e tratamento de augas municipais. Conta cun financiamento do 80 % do FEDER a través das liñas de axuda convocadas polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Goberno de España. O 20% restante está sufragado pola Deputación de Pontevedra que poderá aportar ata un máximo de 10.000€ e por recursos propios do Concello cunha aportación de 16.083,44€ dun investimento total de 130.417,15€.

 

ACTUACIÓNS A DESENVOLVER

As actuacións recollidas no proxecto pretenden por un lado mellorar o proceso de depuración das augas residuais das EDARS de Achas e de Valeixe, coa instalación dun rototamiz que permitirá reducir a cantidade de sólidos que chegan ao resto de etapas do tratamento, ademáis de mellorar a eficiencia enerxética coa implementación de novos equipos de medida e variadores de frecuencia que permitirán tamén reducir o custo enerxético da instalación adecuando o funcionamento dos diferentes aparellos electromecánicos ao caudal de entrada que chegue á planta (estímase unha redución dun 30% da enerxía consumida anualmente).

Na estación de bombeo de Tallós, en Valeixe, se contempla a instalación dun novo cadro de mando, control e protección con variadores de frecuencia, substitución de bombas somerxibles por unhas novas de maior eficiencia enerxética e instalación de sensor de nivel por ultrasonidos no pozo de entrada. Unha vez máis mellorarase a eficiencia enerxética estimando unha redución dun 35% da enerxía consumida anualmente.

Por último nos depósitos de cabeceira da Rede de Abastecemento da Cañiza (Portoaugavella e Augas Férreas), sustituirase o arranque directo instalado na bomba de captación por un variador de frecuencia.  Este cambio permitirá adecuar o caudal bombeado dende os pozos de captación ás necesidades de auga existentes nos depósitos, mellorando así a eficiencia enerxética das instalacións (estímase tamén unha redución dun 35% da enerxía consumida ao ano).

Segundo manifestou esta mañá o Alcalde Luis Piña, «con estas actuacións o Concello pretende orientar os seus servizos municipais cara a un modelo máis sostible que garanta o medio natural e o medio ambiente para as futuras xeracións dándolle un pulo á economía baixa en carbono e á economía circular».  Estas medidas contribuirán na reducción das emisións de CO2 á atmosfera e ao uso eficiente das enerxías limpas.