O Pleno da Cañiza someterá a votación este venres a declaración de utilidade municipal da Área de Reparto do Regueiro
O Pleno someterá a votación este venres, 17 de outubro, a proposta da Alcaldía para declarar de utilidade municipal a Área de Reparto nº 3 do Regueiro, a petición da maioría dos seus copropietarios.
O Alcalde, Luis Piña, explicou que esta declaración terá carácter temporal, ata que se inicien as actuacións de urbanización, e permitirá regular e dar cobertura legal ás actividades de interese municipal que se desenvolven actualmente nas parcelas desta área.
Entre estas actividades destacan os aparcamentos públicos, as conexións viarias, a instalación de estruturas desmontables para feiras, postos de venda, espectáculos e outros eventos de lecer que contribúen á dinamización económica e social da Cañiza.
O procedemento para a declaración de utilidade municipal tramítase a instancia de parte dos copropietarios da Área de Reparto, tras un acordo adoptado por maioría na asemblea celebrada o pasado mes de agosto.
Esta iniciativa responde á solicitude presentada no mes de outubro e ten como obxectivo que o Concello poida desenvolver con maior seguridade xurídica as actividades que son da súa competencia neste ámbito.
Á súa vez, os propietarios das parcelas poderán acollerse a unha bonificación no pagamento do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) mentres non se inicien as obras de urbanización.
O Alcalde destacou que esta medida non terá unha incidencia especial na tesourería municipal nin suporá afección algunha ás contas do Concello, pero permitirá favorecer actuacións públicas e privadas de interese xeral.
Luis Piña subliñou ademais que esta declaración é froito dun proceso prolongado de traballo e diálogo:
“Esta decisión vén precedida de varios meses de análise e de numerosas reunións coas partes implicadas, nas que conseguimos acadar un consenso amplo. É o resultado dun esforzo conxunto que nos permite avanzar con seguridade e responsabilidade na planificación do desenvolvemento do Regueiro”.
A proposta foi informada favorablemente pola Comisión Especial de Contas, reunida o pasado 13 de outubro.