O Pleno do Concello da Cañiza celebrou esta mañá a súa primeira sesión ordinaria do ano, na que se adoptaron diversos acordos de relevancia para o municipio en ámbitos como o deporte, o medio ambiente, o turismo e a organización municipal.
Segundo comunicou o Alcalde, Luis Piña, tras a celebración do Pleno, entre os puntos aprobados destaca o convenio de colaboración co Club Balonmán Cañiza para 2026, dando continuidade a unha relación consolidada entre o Concello e a entidade deportiva. Trátase do quinto convenio oficial, que contempla unha achega económica de 1.666,67 euros mensuais destinada a apoiar o desenvolvemento das actividades deportivas e formativas do club. Aprobado pola unanimidade da Corporación.
O convenio ten por obxecto a promoción do balonmán na Cañiza, tanto no ámbito do deporte base como da alta competición, así como a promoción e divulgación da imaxe do municipio no exterior, con motivo da participación dos equipos do club en competicións de carácter provincial, autonómico e nacional. O acordo inclúe, ademais, o dereito de uso e explotación do Pavillón Municipal Carballo do Marco, sede habitual da entidade, así como o acceso a distintos recursos que permiten garantir a continuidade e viabilidade do proxecto deportivo.
No ámbito ambiental, o Pleno tomou coñecemento do convenio de xestión de biorresiduos con SOGAMA, cunha vixencia para o período 2025–2030. Esta medida reforza a recollida selectiva da fracción orgánica e contribúe ao cumprimento da normativa vixente en materia de residuos. A implantación deste servizo, posto en marcha o pasado 15 de decembro, supón ademais un importante aforro económico para o Concello, xa que o custo da recollida da fracción orgánica sitúase en 56,54 €/tonelada, fronte aos 105 €/tonelada da fracción resto. A correcta separación dos residuos permite tamén manter o canon reducido de SOGAMA, evitando que o custo da fracción resto ascenda ata os 118,80 €/tonelada.
Na orde do día tamén se incluía a adenda de prórroga ao convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a retirada de vehículos abandonados, punto que quedou aprobado por unanimidade e que permitirá dar continuidade a este servizo municipal por un período adicional de dous anos, prorrogable por dous anos máis. Esta medida garante a recollida e o tratamento adecuado dos vehículos fóra de uso no termo municipal.
Na sesión desta mañá procedeuse tamén á toma de coñecemento do prezo público do Campamento de Nadal, unha iniciativa orientada a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias do municipio durante as vacacións escolares. Trátase dunha actividade de carácter educativo e lúdico, cun prezo público adaptado e con bonificacións e exencións para determinados supostos, atendendo a razóns de interese público e social e de conformidade coa normativa vixente.
Así mesmo, aprobouse por unanimidade a participación do Concello da Cañiza no Club de Produto Turístico da Lamprea, unha iniciativa que ten como finalidade a valorización deste recurso gastronómico como elemento de promoción turística nas comarcas do Condado e A Paradanta, fomentando a cooperación entre concellos e a promoción conxunta do territorio.
No apartado de organización municipal, o Pleno tomou coñecemento da toma de posesión de Sonia Álvarez Gesteira como concelleira da Corporación municipal, en substitución de Cristian Gómez Mariño, tras a súa renuncia voluntaria ao cargo.
Do mesmo xeito, aprobouse o nomeamento dos representantes e substitutos do Concello nos Consellos Escolares dos centros educativos do municipio, co obxectivo de garantir a participación municipal nos órganos colexiados do ámbito educativo. Designouse como representante titular a Eva María Rivas Pérez nos Consellos Escolares do C.P.I. da Cañiza e do C.E.I.P. de Valeixe, e mantense como titular no I.E.S. da Cañiza Rubén Muiños Martínez.
Finalmente, na parte destinada á actividade de control, o Pleno quedou informado das resolucións ditadas pola Alcaldía, procedéndose ao seu coñecemento por parte da Corporación municipal.