O Alcalde Luis Piña informou esta mañá de que o Pleno do Concello aprobou na súa sesión ordinaria celebrada o pasado venres 24 de outubro a adhesión ao convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a execución do proxecto “PR-RENOINN-2024-000364 Concellos de Reto Demográfico + Renovables III”, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Grazas a este acordo, o Concello levará a cabo a instalación de dúas plantas solares fotovoltaicas de autoconsumo colectivo no edificio multiusos municipal (rúa Progreso, 21) e no edificio do skatepark (rúa Silleda, s/n).
As instalacións sumarán unha potencia total de 99,9 kWp, distribuída en 185 paneis solares de 540W cada un, e contarán cun sistema de almacenamento mediante baterías de litio de 50kWh, ademais dun software de monitorización en tempo real que permitirá coñecer a produción enerxética e optimizar o seu funcionamento.
O proxecto enmárcase no Programa de incentivos 4 do IDAE (organismo público do Goberno de España adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), destinado a proxectos innovadores de autoconsumo colectivo con almacenamento e participación de consumidores vulnerables, co obxectivo de fomentar a transición cara a un modelo enerxético máis sostible, inclusivo e respectuoso co medio ambiente.
O investimento total previsto na Cañiza ascende a 113.654,09 euros, dos cales:
-
o IDAE achegará 64.440,50 euros,
-
a Deputación de Pontevedra 24.975 euros,
-
e o Concello da Cañiza 24.238,59 euros.
O convenio establece que a Deputación de Pontevedra asumirá a contratación, dirección técnica e execución das obras, así como a colocación da cartelería informativa do Plan de Recuperación, mentres que o Concello da Cañiza será responsable do mantemento e conservación das instalacións durante os cinco anos posteriores á súa entrega, ademais de garantir a participación de consumidores vulnerables, conforme á normativa vixente.
O Alcalde Luis Piña afirmou nesta comparecencia que esta actuación “sitúa á Cañiza á vangarda da sustentabilidade enerxética na nosa contorna” e subliñou que “a colaboración coa Deputación de Pontevedra e o apoio dos fondos europeos permiten impulsar proxectos que reducen o custo eléctrico, benefician á veciñanza e contribúen á loita contra o cambio climático.”
Con esta adhesión, o Concello da Cañiza reafirma o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustible (ODS) e cunha transición enerxética xusta, en consonancia coas políticas europeas e nacionais de descarbonización e eficiencia enerxética.