O Concello celebrou a súa 2ª Sesión Plenaria, nesta ocasión de carácter extraordinario, cun único punto na orde do día: a aprobación dun expediente de modificación de crédito, mediante transferencia entre distintas áreas de gasto, destinada a completar a achega municipal necesaria para a execución do proxecto de “Renovación da Área de Lecer da Carballeira do Cacharado”.
O proxecto conta con financiamento externo procedente de dúas liñas de axuda. Por unha banda, 60.428,44€ ao abeiro do Plan + Provincia 2025, Liña 1 – Investimentos da Deputación Provincial e unha segunda axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), da Xunta de Galicia, de 35.000€.
O orzamento total do proxecto, incluíndo obra e honorarios técnicos, ascende actualmente a 175.668,33€, sendo necesaria unha achega municipal para completar o seu financiamento. Neste sentido, previamente aprobouse por Decreto da Alcaldía unha primeira transferencia de crédito por importe de 50.000€.
Nesta sesión extraordinaria, o Pleno aprobou a transferencia restante por importe de 30.239,89€.
Esta modificación orzamentaria non altera a contía total do orzamento municipal, senón que redistribúe crédito entre distintas áreas de gasto para dotar de financiamento completo ao proxecto. Unha vez que a modificación quede definitivamente aprobada tras o período legal de exposición pública, o Concello procederá á licitación e posterior execución das obras, cumprindo así cos trámites administrativos necesarios para a súa posta en marcha.
Tras a Sesión, o Alcalde destacou a necesidade de tramitar esta modificación orzamentaria antes da aprobación do Orzamento Municipal de 2026, debido aos prazos establecidos pola subvención concedida por AGADER, que obrigan a axilizar a tramitación administrativa para non comprometer a axuda outorgada.
Así mesmo, Luis Piña explicou que o proxecto foi redactado no ano 2023, pero resultou necesario actualizalo debido ao incremento experimentado nos prezos do sector da construción, adaptándoo ás condicións actuais do mercado para garantir a viabilidade real da súa execución.
O Alcalde subliñou que esta actuación permitirá modernizar e poñer en valor a Carballeira do Cacharado como espazo de encontro, lecer e convivencia, reforzando a calidade dos servizos públicos e mellorando un dos enclaves naturais e sociais máis relevantes do municipio.
O Proxecto de renovación
A actuación na Carballeira do Cacharado contempla a creación dunha nova área lúdica inclusiva, deseñada para permitir o desfrute de nenos e nenas de diferentes idades e capacidades.
A zona infantil ocupará unha superficie de 205 m² e contará cun pavimento de seguridade de alta absorción de impactos, instalado sobre base estabilizada, que mellora as condicións de protección fronte a caídas. O espazo combinará áreas de xogo activo e zonas máis tranquilas.
Entre os elementos previstos inclúense randeeiras individuais e colectivas tipo “niño”, carrusel adaptado, areeiro con elementos naturais, xogos de equilibrio e relevos no terreo, así como unha estrutura central con dúas torres e tobogáns con compoñentes de escalada e paneis lúdicos.
Co fin de reforzar a seguridade, instalarase unha varanda perimetral debido á proximidade do tráfico rodado.
Ademais, habilitarase unha zona deportiva de 117 m² no actual parque acoutado, coa instalación de dúas canastras a distintas alturas e peche deportivo parcial.
Un proxecto cun investimento de 175.668,33€, dos que 117.672,64€ corresponden á execución material, 15.297,64€ ao 13 % de gastos xerais, 7.060,36€ ao 6 % do beneficio industrial e 29.405,39€ ao IVE. O resto das cantidades corresponden aos honorarios de redacción, dirección e coordinación da seguridade e saúde da obra.
Galería multimedia