O Plan REACPON da Deputación permite ao Concello rehabilitar enerxéticamente a piscina municipal

A rehabilitación enerxética da piscina municipal da Cañiza está un paso máis preto de facerse realidade grazas á sinatura do convenio de confinanciación do Plan ReacPon por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Luis Piña.

 

A obra conta cun orzamento total de 689.048,95 euros dos que a Deputación aporta 551.239,16 euros.

 

Así, tralas actuacións, A Cañiza contará cunha infraestrutura deportiva en liña cos principios de sostibilidade marcados na Axenda 2030, unha actuación que, como dixo o alcalde, sería inviable para o Concello sen o apoio da institución provincial.

A presidenta Carmela Silva gabou o proxecto que é "unha gran demanda da veciñanza e -deixou claro que- a Deputación está encantada de poder dar resposta con recursos extraordinarios para poder garantir a prestación deste servizo que é fundamental". A presidenta destacou entre as actuacións a levar a cabo a mellora do indicador de emisións de CO2 "que é fundamental para loitar contra o dano que lle estamos facendo ao planeta", e resaltou que están en liña "coa Axenda 2030 e cos fondos Next Generation que poñen en valor que se rehabiliten os equipamentos e dotacións existentes para que sexan enerxeticamente sostibles". 

Carmela Silva felicitou ao alcalde por ter un "proxecto maduro que cumpría con todas as bases do ReacPon, que eran moi esixentes, e pola eficacia e eficiencia á hora de poñer en marcha a licitación. Isto amosa que o mundo local é unha administración con moita capacidade de xestionar, que entende de verdade os problemas da xente e que transforma as vilas, pobos e cidades".

A presidenta recordou que este plan extraordinario conta con "con criterios obxectivos e con bases ás que todo o mundo pode presentarse". 

O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, cualificou á Deputación como unha "institución exemplar que trata a todas os concellos da provincia en igualdade de condicións dende un punto de vista obxectivo e de transparencia. É algo que estamos vivindo no día a día e está demostrado neste plan extraordinario, que son cartos a maiores do modélico Plan Concellos. Queda claro que hai formas moi distintas de gobernar".

O alcalde valorou de forma excepcional o convenio do ReacPon que servirá para rehabilitar a piscina, un servizo moi pedido pola veciñanza e que agora "afronta unha reforma en profundidade que xera unha nova piscina. Seremos capaces de volver a abrila e-engadiu- esta reforma vai a xerar un novo ciclo do servizo para os próximos 20 ou 30 anos".

Luis Piña lembrou que na súa chegada ao goberno en 2019 atopouse con "máis de 4,3 millóns da facturas sen pagar e ante esta situación económica se non fose fundamentalmente polo Plan Concellos nos non poderíamos practicamente estar facendo ningún tipo de obra".

 

O PROXECTO

Este proxecto busca a rehabilitación enerxética da piscina municipal da Cañiza coa mellora do indicador de emisións de CO2 e unha serie de actuacións que permitirán reducir o consumo de enerxía non renovable.

Deste xeito, poñeranse en marcha paneis solares térmicos e mellorarase a envolvente térmica revestindo toda a fachada do edificio con mortero con illamento.

Tamén se substituirá a caldeira actual de gasóleo por unha de biomasa de pellets así como o lucernario actual por paneis de policarbonato alveolar.

Ademais, realizaranse outra serie de actuacións como a creación dunha sala de actividades dirixidas e dunha zona termal nova, a modificación da saída do vestiario masculino ou a eliminación de parte das gradas así como a redución da profundidade da piscina grande.

Compre destacar que en toda a actuación os materiais e sistemas elixidos garanten a protección do medio ambiente e respectan a contorna inmediata do edificio municipal. Tamén van garantir unhas condicións axeitadas de salubridade e estanqueidade no ambiente interior do edificio.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos.

O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.