O “Monção e Melgaço Granfondo 2025” fixo parada na Cañiza cun gran avituallamento na Ponte das Achas, reforzando a promoción do noso xamón
Este domingo 21 de setembro celebrouse a 7ª edición da proba cicloturista internacional Monção e Melgaço Granfondo, un dos eventos ciclistas máis emblemáticos de Portugal e da Euro-Rexión Galicia–Norte de Portugal, que este ano volveu estenderse por terras galegas. A cita reuniu a máis de 1.200 participantes e serviu como sexta e última proba puntuable da prestixiosa competición portuguesa Troféu Superprestígio.
Con saída e chegada en Melgaço, a proba distribuíuse en tres percorridos:
- Minifondo (73 km): practicamente chan, bordeando o Miño ata Cevide.
- Medio fondo (96 km): con incursión en Galicia e pasos por Poço Negro e Lisoiros.
- Gran fondo (130 km): con esixentes subidas en Fiães e Pomares, acumulando máis de mil metros de desnivel positivo.
Foron as probas de medio e gran fondo as que pasaron pola Cañiza, tras partir de Melgaço, atravesando os concellos de Monção, Salvaterra de Miño, As Neves e Arbo, para logo chegar á Cañiza, Crecente e Cortegada, e regresar finalmente á meta en Melgaço.
Parada técnica na Cañiza
Nesta edición, o Alcalde Luis Piña e concelleiros do Goberno participaron directamente na parada técnica organizada na recentemente reformada Ponte das Achas, contorna na que se repartiron centos de bocadillos de xamón, doados polos establecementos cañicenses Kenia, Paradanta, Resero, Pirri, Piri-Piri e Área de Servizo A Cañiza. Unha parada que serviu para continuar promocionando o produto estrela do municipio: o xamón da Cañiza, marca de calidade recoñecida dentro e fóra de Galicia.
En declaracións do Alcalde “Este domingo pola mañá A Cañiza viviu un momento moi especial ao recibir centos de ciclistas internacionais. Dende o Concello quixemos estar presentes no avituallamento para mostrar de primeira man a hospitalidade da nosa xente e dar visibilidade á calidade dos nosos produtos locais. É un orgullo que o Granfondo conte coa Cañiza no seu percorrido, fortalecendo os lazos de amizade e cooperación cos nosos veciños de Monção e Melgaço.”
Con esta colaboración, o Concello da Cañiza reforza a súa aposta polo deporte, o turismo e a promoción dos produtos locais, situando ao xamón da Cañiza como referente gastronómico nun evento internacional que cada ano gaña máis proxección e prestixio.
Galería multimedia