O Director General de Carreteras do MITMA, Juan Pedro Fernández Palomino, recibiu onte en Madrid ao Alcalde para desatascar o proxecto de Acondicionamento de beirarrúas e rede de pluviais da Nacional 120 ao seu paso pola Cañiza

•    Un proxecto aprobado en 2018 baixo o título de “Acondicionamento de beirarrúas e rede de pluviais en dous tramos da N-120 entre os PP613+970 E 614+910 en ambas as marxes”, pero que se quedou obsoleto polo aumento dos prezos do mercado. 

•    Na reunión celebrada onte, o Director General comprometeuse co Alcalde a acelerar os trámites para que se revise de novo o proxecto,  se adapten os prezos e se inicie o procedemento de contratación e adxudicación o máis axiña posible.

Nesta xornada de traballo, celebrada onte ás 9.30h no Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, tamén estivo presente, vía telemática, o Xefe Provincial de Estradas do Estado na provincia de Pontevedra, Pablo Domínguez.

O Alcalde expuxo a necesidade urxente de acometer esta obra polo avanzado estado de deterioro que presentan as beirarrúas desta travesía así como os servizos de pluviais, abastecemento de augas e saneamentos.

O proxecto inicial, aprobado cun orzamento de 238.000,00 €uros, que haberá que actualizar, contempla o arranxo de dous tramos da Nacional 120 e tamén da rede de pluviais. Aproveitando a apertura das gabias, o Alcalde comprometeuse a financiar e executar, con cargo aos fondos do Concello, as obras de mellora da rede de sumidoiros, abastecemento de augas e comunicacións, actualmente moi deterioradas e que non entran no proxecto.

As actuacións están localizadas  en dous tramos da rúa Progreso. Á altura da Igrexa Parroquial e nos accesos das Augas Férreas. Concretamente entre os puntos quilométricos PP613+970 E 614+910, en ambas as marxes.