Un total de 51.377,33 euros que se pudo repartir na súa totalidade grazas ao sistema de puntuación que rexiu as Bases da Convocatoria.
En total solicitaron as axudas 86 establecementos.
OS HOSTELEIROS E AUTÓNOMOS DA CAÑIZA QUE SOLICITARON AS SUBVENCIÓNS COVID DO CONCELLO COBRARON TODAS AS AXUDAS ANTES DE REMATAR O ANO 2021
ASÍ O COMUNICOU O ALCALDE LUIS PIÑA ESTA MAÑÁ RESALTANDO QUE SE REPARTIU A TOTALIDADE DA PARTIDA ORZAMENTARIA, 51.377,33€ GRAZAS AO SISTEMA DE PUNTUACIÓN QUE REXIU AS BASES DA CONVOCATORIA, PUBLICADAS NO BOP DO PASADO 18 DE NOVEMBRO.
Esta subvención, enmarcada nun Programa de Reactivación Económica e Social, estaba dirixida aos hostaleiros e autónomos do Concello da Cañiza para paliar os efectos da situación pandémica xerada pola COVID-19, que en moitos casos obrigou a pechar os establecementos durante a o período de declaración do Estado de Alarma.
En total solicitaron esta liña de axuda 86 establecementos, dos que 4 quedaron excluidos por non cumprir cos requisitos e 5 por non presentar en tempo e forma os documentos requeridos ou ter débedas coas administracións.
Os 51.377,33 repartíronse na súa totalidade grazas ao sistema de puntos no que se valoraba en primeiro lugar o peche do establecemento, a existencia de alquileres e ter persoas a cargo. O Concello da Cañiza adoptou a proposta defendida pola Federación Galega de Municipios e Provincias de repartir o 1% do Orzamento de cada Administración.
Dos 77 establecementos subvencionados case a metade conseguiron unha axuda de 680,00€ que se corresponde coa obtención de 60 puntos no baremo de cómputo.
Os que menos cobraron obtiveron únicamente 20 puntos que se corresponde coa cobranza de 227,28€ e os que acadaron a máxima puntuación, un total de 112,50 puntos, cobraron 1.278,40 €uros.
Con este reparto dende a Alcaldía cúmprese o compromiso de axudar aos establecementos da Cañiza a paliar e actuar ante as consecuencias derivadas da crise económica provocada polo COVID-19 e de impulsar a actividade económica no termo municipal de A Cañiza.
Esta axuda ten como obxectivo outorgar liquidez aos autónomos e hostaleiros do Concello para contribuír a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais, mantemento da actividade e emprego, atenuar a reducción drástica de ingresos e compensar o abono das taxas municipais para todos aqueles negocios que tiveron que realizar un peche obrigatorio.
As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde foron as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA e as persoas traballadoras por conta propia que teñen o domicilio fiscal en A Cañiza, incluídos os autónomos societarios que tiveron unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acreditaron o peche da actividade ou unha baixada de facturación nos termos establecidos nas bases.