O Concello repartiu este domingo cerca de 500 bocadillos de xamón entre os ciclistas participantes na «Clásica Alvaro Pino 2024»

  • Unha proba cicloturista, con percorrido polas terras do Condado Paradanta, cunha  parada de avituallamento e reagrupamento na Praza Maior da Cañiza.
  • O Alcalde felicitou un ano mais á organización, Asociación Deportiva Cultural Plan C, e ao ex corredor Alvaro Pino polo rotundo éxito desta nova edición.

 

Este domingo 27 de maio, celebrouse a 9ª edición desta marcha ciclodeportiva, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C.

Un gran fondo cicloturista que percorreu as terras de 8 concellos, en dous percorridos. Un máis curto de 67km, 3 altos de montaña, e 1000 metros de desnivel e un 2º percorrido longo de 123 km, 6 altos de montaña e 2150 metros de desnivel.

O trazado percorreu un territorio cun alto valor paisaxístico, dominado polo curso dos ríos Miño e Tea e monumentos como o Mosteiro da Franqueira ou o Castelo de Sobroso.

Sobre as 12.40h a marcha fixo unha parada na Praza Maior da Cañiza para o avituallamento. Durante máis de media hora concelleiros e Alcalde xunto coa organización da proba, repartiron cerca de 500 bocadillos do mellor xamón da Cañiza entre todos os ciclistas. Esta parada serviu tamén para que os deportistas puideran reagruparse e evitar así a dispersión.

Ademáis este ano a organización quixo homenaxear especialmente a Jesús Rodríguez Carballido, ex ciclista profesional de Ponteareas. E como invitado especial a Clásica contou coa participación de Roberto Heras, o ciclista que gañou máis Voltas a España: en catro ocasións.

A marcha, que leva o nome do exciclista ponteareán ALVARO PINO, aspira a consolidarse como unha das referencias do calendario cicloturista nacional.