O Concello renova o mantemento do céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas co sistema TurfRob
O Concello renova o mantemento do céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas co sistema TurfRob
O Concello volveu realizar este ano os traballos de mantemento e conservación do céspede artificial do campo de fútbol de Augas Férreas, co obxectivo de garantir unhas condicións óptimas de xogo e seguridade para todos os deportistas que utilizan esta instalación municipal.
A actuación, realizada a finais do mes de outubro pola empresa especializada Ginkgo Sports Turf & Gardens, por un importe de 1.331 €uros, dá continuidade aos traballos de mantemento que se veñen desenvolvendo nesta infraestrutura deportiva dende a súa reforma e reposición integral desenvolvida polo Concello en 2024, coa finalidade de prolongar a vida útil do céspede artificial e asegurar o seu correcto estado.
Os traballos comprenden o descompactado, o cepillado e a distribución homoxénea do caucho existente no terreo de xogo, así como a limpeza da superficie para retirar pequenos elementos metálicos ou outros obxectos que poidan ocasionar lesións aos usuarios.
Innovación e eficiencia coa tecnoloxía TurfRob
Para a realización destas tarefas emprégase o TurfRob, un robot deseñado especificamente para o coidado e mantemento de campos de céspede artificial, desenvolvido en Alemaña e probado intensamente tamén en España desde 2021.
Este equipamento dispón de GPS de alta precisión, contrólase a través dunha aplicación móbil e funciona con baterías recargables, o que permite realizar os traballos cun sistema eficiente e respectuoso co medio ambiente.
Entre as súas principais funcións destacan:
- Rastrillado e descompactado do caucho, para evitar o endurecemento da superficie e manter unhas condicións adecuadas de xogo.
- Cepillado e enderezamento das fibras do céspede, contribuíndo a evitar o seu deterioro prematuro.
- Redistribución uniforme do caucho, favorecendo unha correcta amortiguación e unhas condicións homoxéneas en todo o terreo de xogo.
- Mantemento programable, con diferentes programas adaptados á intensidade de uso da instalación.
O Alcalde confirmou esta mañá que “a utilización deste sistema contribúe a manter un campo máis seguro e uniforme, reducir as necesidades de reparación e prolongar a vida útil do céspede artificial, optimizando así o investimento realizado polo Concello en 2024 por un importe de 602.421,61 €uros”.
Galería multimedia