O Concello realiza un simulacro de incendios na Escola Infantil Municipal de 0 a 3 anos

O Alcalde Luis Piña informou esta mañá sobre os obxectivos acadados co simulacro de incendios realizado o pasado venres, 19 de setembro, nas instalacións da Escola Infantil Municipal (0-3 anos).

A actuación que comezou ás 15h, contou coa colaboración de diferentes servizos de seguridade e protección civil e tivo como principal finalidade mellorar a preparación do persoal educativo ante emerxencias de cara a garantir a seguridade dos pequenos alumnos e tamén dos propios traballadores.

O simulacro foi dirixido pola empresa SEGURLEM, S.L. e contou co apoio da Policía Local, incluíndo unha chamada simulada ao servizo de emerxencias 112.  O exercicio permitiu adestrar tanto ao persoal educativo como aos alumnos nas técnicas de evacuación e autoprotección, co obxectivo de garantir unha resposta efectiva en caso de emerxencia real.

Esta actividade forma parte da actualización do Plan de Autoprotección da Escola Infantil Municipal, seguindo as directrices do Real Decreto 393/2007 e a normativa galega en materia de protección civil e seguridade nos centros educativos.

O Alcalde destacou a importancia de realizar estas actividades periódicas para reforzar a seguridade nos centros que acollen á infancia, un colectivo especialmente vulnerable ante situacións de risco.

Estas accións forman parte do traballo constante do Concello da Cañiza para mellorar as infraestruturas e os protocolos de seguridade, reforzando a confianza das familias nas instalacións públicas.