O Concello pon en marcha a campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal» en apoio ao comercio de proximidade

O Alcalde Luis Piña, a Concelleira de Goberno Eva Rivas e a Directiva da Asociación de Comerciantes da Cañiza presentaron oficialmente esta mañá a campaña municipal 2025/2026 de impulso ao comercio da Cañiza, promovida polo Concello en colaboración coa Asociación.

A iniciativa desenvolverase entre o luns 15 de decembro e o xoves 5 de febreiro de 2026.

Os establecementos interesados en adherirse poden achegarse ao Concello a partir do martes 9 de decembro para recoller os vales destinados aos seus clientes.

O propósito desta campaña é reactivar o consumo de proximidade e reforzar a fidelidade da clientela co pequeno e mediano comercio, «o de sempre, cercano e comprometido».

A iniciativa contempla o sorteo de 4.000 euros en vales de compra entre os consumidores que realicen compras iguais ou superiores a 20 €.

Durante o acto de presentación, o Alcalde Luis Piña agradeceu un ano máis a implicación da Asociación de Comerciantes, que aporta 500 € ao total dos premios.

O programa «A Confianza de Sempre, Agasállate este Nadal» inclúe catro sorteos que se celebrarán o 26 de decembro de 2025, o 9 e o 23 de xaneiro, e o 6 de febreiro de 2026.

En cada sorteo repartiránse 20 premios de 50 €, distribuídos en vales de 10 €.

Os vales poderán empregarse ata o 8 de marzo de 2026, incluído, nos comercios adheridos. O importe do vale deberá gastarse na súa totalidade, sen posibilidade de devolución en metálico.

As bases completas poden consultarse na web municipal: www.caniza.org.

Este Nadal, se mercas na Cañiza, non esquezas solicitar os teus boletos.

Moita sorte!

 

O Concello pon en marcha a campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal» en apoio ao comercio de proximidade