O Concello pon en marcha a 5ª campaña municipal de trampeo contra a vespa velutina

  • O Concello adquiriu e repartiu 82 botes de líquido atraente destinados á captura das raíñas de vespa velutina.
  • A iniciativa conta cun investimento total de 709,42 €, co que o Concello pretende apoiar aos apicultores locais na loita contra esta especie invasora.

O Alcalde Luis Piña reuniuse o pasado 12 de marzo cunha veintena de apicultores do municipio no colmenar situado na parroquia de Oroso para facer entrega do material necesario para iniciar esta campaña de primavera. En total distribuíronse 82 botes de líquido atraente, doce máis que na edición anterior, que servirán para intensificar as tarefas de captura das raíñas antes de que formen novos niños.

Segundo se explicou durante o encontro, os botes entregados permitirán colocar ata 656 trampas na contorna do municipio. Cada recipiente contén 500 ml de produto, que debe mesturarse cun litro e medio de auga para obter 2 litros de líquido atraente, suficiente para preparar 8 trampas por bote.

Nesta iniciativa participan máis de 40 apicultores do municipio, que reúnen un censo superior ás 3.000 colmeas e que están inscritos no rexistro apícola da Consellería de Medio Ambiente. Ademais, outras persoas afeccionadas tamén colaboran na colocación das trampas, contribuíndo a ampliar o radio de acción da campaña e reforzar o traballo colectivo para combater esta praga.

O principal obxectivo desta campaña é capturar as raíñas de velutina antes da formación dos niños, reducindo así o impacto desta especie invasora sobre a abella autóctona.

Como xa se fixo en campañas anteriores, as trampas non se colocarán unicamente nas zonas de colmeas, senón tamén noutras áreas da contorna, co fin de mellorar a eficacia da campaña e aumentar as posibilidades de captura.

Esta actuación forma parte das medidas de apoio que a Gobernanza vén impulsando desde marzo de 2021 para respaldar ao sector apícola do municipio. Trátase dunha actividade vinculada ao noso sector primario que produce un mel moi valorado pola súa calidade, favorecida pola riqueza da flora de media e alta montaña dos Montes da Paradanta, con especies como o castiñeiro, o breixo ou a silva que lle achegan aromas intensos e características únicas.

Esta calidade viuse recoñecida nos últimos anos con numerosos galardóns en certames especializados pola súa excelencia e sabor, incluíndo tamén recoñecementos de carácter internacional.