O Concello pecha o proxecto «Violetas 2025» cunha ampla programación educativa polo 25N

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello dirixe aos centros educativos do municipio unha serie de actividades subvencionadas pola Deputación de Pontevedra, coas que se dá por finalizado o proxecto Violetas 2025.

Deputación Pontevedra

Dentro desta programación destaca a actividade “8 sinais”, a cargo de Noelia Míguez, un obradoiro no que a autora relata a súa propia historia como vítima de violencia de xénero a mans da súa parella, na que sufriu agresións tanto psicolóxicas como físicas. A súa experiencia persoal tamén está recollida no libro que leva o mesmo nome ca actividade. Este obradoiro está dirixido ao alumnado de 3º da ESO do CPI da Cañiza.

Por outra banda, o 4 de decembro, no IES da Cañiza, levarase a cabo a proxección do filme “Todas as mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro, quen tamén participará na actividade conducindo un debate e cinefórum arredor da película. O filme baséase nos relatos persoais das protagonistas fronte á violencia exercida polas súas parellas.

Ademais destas accións, ao longo do mes de abril desenvolvéronse outras actividades do proxecto Violetas, centradas na sensibilización e prevención da violencia de xénero, co alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Entre elas, o obradoiro “Somos quen de construír a nosa historia”, no que se traballaron contidos orientados a dotar ao alumnado de ferramentas que lles permitan acadar niveis de autoestima máis saudables, favorecendo a construción do benestar persoal e a mellora da saúde física, psicolóxica e emocional. Así mesmo, reflexionouse sobre a imaxe persoal e o autoconcepto fronte aos cánones de beleza e éxito persoal establecidos pola sociedade.

Co alumnado de 2º da ESO abordouse a construción de relacións persoais baseadas no respecto e na tolerancia, afastadas dos principios do amor romántico, así como o uso das redes sociais como ferramentas nas novas formas de violencia. Este obradoiro levou por título “Mocidade e igualdade: fomentando relacións afectivas baseadas no bo trato”.

Por último, o alumnado de 4º da ESO participou no obradoiro “Vínculos amorosos dende a perspectiva de xénero”, no que se traballaron os seguintes contidos: reflexionar sobre as diferenzas entre sexo e xénero no marco das relacións afectivo-sexuais; analizar as relacións afectivas e amorosas que comparte a mocidade; identificar os tipos de violencia existentes nas relacións afectivo-sexuais e as ferramentas para a súa prevención; así como os vínculos afectivos, os conflitos e negociacións, e as prácticas de risco e as infeccións de transmisión sexual (ITS).

As actividades que compoñen o proxecto Violetas están financiadas a través da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra, dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes, para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.